COLINETA. Gastronomía e literatura.contacto: miguel(arroba)colineta.com
|
DIANTE DUNHA CUNCA DE VIÑO ESPADEIRODIANTE DUNHA CUNCA DE VIÑO ESPADEIRO De Ramón Cabanillas (Da terra asoballada, 1917) ¡O espadeiro! ¡Acios mouros, cepas tortas, follas verdes, douradas e vermellas, gala nas terras vivas de Castrelo nos Castelos de Oubiña e nas areas de Tragove e Sisán, do mar de Arousa e o Umia cristalino nas ribeiras! ¡O espadeiro amante! ¡O viño doce! ¡Alegría de mallas e espadelas, compañeiro das bolas de pan quente e as castañas asadas na lareira! ¡O espadeiro! ¡O resolio que louvaron en namorantes páxinas sinxelas os antigos abades do mosteiro de Xan Daval, na vila cambadesa, aqueles priores leigos e fidalgos, mestres na vida, na virtú e na ciencia, que sabian -¡ouh tempos esquencidos!- cantala misa, escorrentalas meigas, acoller e amparar orfos e pobres, rir coas rapazas, consellalas vellas, darlle leito e xantar ós peregrinos, pechar por foro as portas da súa igrexa á xusticia do Rei, cobralos dezmos e dispoñer vendimas e trasegas! ¡O espadeiro morno! ¡O roxo viño, sangue do corazón da nosa terra, que arrecende a mazás e a rosas bravas, quence os peitos e as almas alumea, e sabe a bicos de mociña nova, aldeana e triqueira! ¡Como canta ó caír nas brancas cuncas desde as pintadas e bicudas xerras! ¡Como latexa e brilla ó coroalas! ¡E como loce e ri cando as adreza, asemellando fíos de rubises, cun rosario de escumas sanguiñentas! Cando nas mornas tardes de romaxe vai na alombada pipa taberneira ó souto que se estende ó pé da ermida onde as campanas repinican ledas; Onde axordan os fogos de tres tronos e ó son da gaita a moceda tolea, é a alma do galán verba maina; de labradora e viril maxeza, que o mesmo se derrete coas rapazas que arma sin máis nin máis unha quimeira; solta un “¡Ei, carballeira!” erquendo a moca e facéndose atrás, e... ¡adiola festas! Cando o xeado inverno alonga as noites e en santa paz, ó pé do lar, se axeitan mozos o vellos, desbullando o millo, dándolle ó fuso ou restelando teas, o espadeiro é o espirito do petrucio de garimosa fala churrusqueira, de mans de prata e lombo acorcobado, queixo tembrón e neve nas guedellas, que chiscando os olliños contra os mozos, pondo ás rapazas cores nas meixelas, sabe contar os divertidos feitos e as antigas historias que comenzan: ”Unha vez, unha nena e mais un frade...” ”Tiña, naquel entón, un paxe a reina...” ¡Espadeiro! ¡Espadeiro! ¡Ledo viño das noites mozas! Claridá de estrelas. O aturuxo zoando nas quebradas... Mozos... Pandeiros... Un amor que empeza... Aromas das carqueixas e do trevo... De man en man, a bota carreteira... Unha cantiga ó pé dunha ventana... ¡Detrás dos vidros, Ela! ¡Ouh, espadeiro amante! ¡Ouh, roxo e quente sangue do corazón da nosa terra! ¡Acende os corazóns dos apoucados! ¡prende lume nas almas, viño celta! ! 22/05/2005 18:59 LEER este artigo. Tema: POESÍA. Comentarios » Ir a formulario |
![]() Esta obra está baixo unha licenza Creative Commons. TemasArchivos
Enlaces |