COLINETA. Gastronomía e literatura.contacto: miguel(arroba)colineta.com
|
OS BIRBIRICHOS E OS BIRBIRICHEIROSXoán Manuel Pintos En A GAITA GALLEGA (1853) Levantan os ollos muitos para as estrelas do ceo, non se fartan de mirare as luces do firmamento, quedando coa boca aberta sin saber que fixo aquelo; e tornando a vista ao chan ja de todo se esquenceron sin cuidar que cada herba volve tolo ao máis discreto: cantan a cousas do alto, cantan a cousas de lexos, cantan a cousas buxáns, cantan a cousas sin prezo, cantan a mil toleiradas que ja non acordan tempo, e cuidan que é faramalla o que temos de nós preto. Por eso me dou a gana de abrochar nestes versos cuns bichiños mui pequenos que, pola area espargidos, miran muitos con desprezo. É de ver alá en Cambados, enfrente á terra do Meco, cando devala a marea tanto chan que queda en seco, que si fora terra a millo había pan para o inferno, pois naquel longo areal que vai por junto a Castrelo vense as gentes formigando cando o mar vai baixo e quedo que parecen as formigas que saen dun formigueiro. Non acode tanta nunca por oír a un misioneiro e si tanta se ajuntara para as cousas doutro geito non habría as caldeiradas que decote se están vendo. Alí pois naquel Sarrido, cando a luna vai nacendo ou como a roda dun carro amostra o seu rostro cheo, se ajuntan de muitas partes homes, mulleres e nenos: todos van esfarrapados, non van ricos nin van cregos. Alí van do Grove e Curro, de Dorrón e Sobradelo, e de Armenteira e de Nantes, Santa Cristina e Loenzo, van de Meis e de Baión, Santo Tomé, San Lourenzo, van de Bamio, van de Cea, de Ouviña e de Tremoedo, van os do Monte da Escusa, e mais aínda de máis lexos, van de Caldas e de Cuntis, Vilagarcía e Sangenxo. Cada un por súa banda, en bandadas cal romeiros, vense acodir ó areal pola mañanciña cedo: uns con panos ou con foles, outros con cestas ou cestos. Van agiña, corre, corre, van buscar e van baldeiros. Alí se ajunta un gentío de lugares tan diversos que tropezan uns con outros e jamais se conoceron. Comenzan a fochicare cuns pausiños ou cos dedos alí pola area adiante, ou con ósos ou con ferros, e sacan muitas manadas de birbirichiños frescos: van enchendo os seus gabidos sin liortas e sin berros, pois todos teñen alí sin disputa igual direito. Ninguén se azaña inda que vexa que se colle máis ou menos, nin dice naide “esto é meu” mentres que n’o ten no cesto. Hai fartura para todos, inda que se ajunten mil centos. E naquel chan tod’os probes tornan ó estado primeiro. Da colleita arrematada, ajúntanse os compañeiros, dinlle adiós ao areal e dan gracias ao do ceo, dicíndolle cada un do máis íntimo peito palabras mui acelmosas así pouco máis ou menos: ”Bendito seas, Señor, que sin traballo e sin tempo na area decote botas para os probes alimento. Dásnolo ja dispostiño, substancioso e criadeiro, e para que non o furten sirve ós ricos de veneno. Bendito sea, Señor, por sempre e resempre eterno. Cada corazón dun probe será sempre o voso tempro”. E logo dinlle ás areas así pouco máis ou menos: ”Adiós areas queridas, da nosa fame remedio: criade os birbirichiños por millares de milleiros; nós viremos cubizosos inda que de longe a collelos, que cando é mui negra a fame o camiño non pón medo. Virán os nosos filliños, e tamén os nosos netos, virán a pisar os probes as areas de Castrelo”. Nesto as gentes se cargan, cada un co seu peso, todas se poñen pingando, mais van con semblante ledo. Non faltan nas compañías quen asopre algún punteiro, algunha frauta ou ben chifre ou algún outro estrumento, as mulleres que, cantando e castañolas mecendo, se espotrican coas ferreñas, repinican o pandeiro. Comezan as alegrías daquela seifa a desexo e saen do areal por un cento de carreiros. Van por aqueles camiños mil foliadas facendo, paran cos birbirichiños nunha congostra ou penedo, nunha aldea, ben nun campo, ben ó pé dalgún outeiro. Alí botan mil cantigas e rematan os seus versos cunha chea de aturutos que abouxan ó mesmo ceo. Cantando todos a unha, ja brincando e tamén quedos, docemente van dicindo ó son dos seus estrumentos: ”Alegrádevos miniñas, mozos, rapaces e vellos, que hoje cos birbirichiños as saudades son menos. Nunca se perda a memoria das areas de Castrelo e que alá vaian os probes polo camiño direito: deijaremos sinalado que non vaian por rodeos e destas cunchiñas brancas queden os camiños cheos. Nós, con este ben de Dios, vivimos anos a centos, criamos fillos a pote, sans como buxos e cedro. As comidas dos señores, cheas de especies e cheiros que se escachoan no lume, que lles fagan bo proveito; pois si viven regalados, ben llelo paga o pelexo e rúan á súa conta boticarios, curandeiros. Alegrádevos miniñas mozos, rapaces e vellos, que hoje cos birbirichiños as saudades son menos”. E logo aséntanse un pouco por ver de tomar alento e comenzan a escochare os birbirichiñós frescos. Relóucase de mirare O bulir daqueles dedos que, cun en cada man e cruzándoos polos tetos, tris... salta o cacho de arriba o de abaixo queda cheo. Desta maneira os escochan, máis despois é ver comelos: a cubiza con que sorben o que os cachos teñen dentro, como chuchan as cunchiñas e dimpois lamben os dedos. Si, por fertuna, hai dous cartos para sacar uns dous netos e leva algún na falchoca un anaco dun cortezo máis de millenta debullan, sábenlle mellor que queixo. Van tirando, pouco a pouco, cada cal para o seu eido; Recordando os seus filliños, que xa estarán no quinteiro. Inda a nai non pon o pé por adentro do portelo, ja chegan os seus miniños ”a min, a min berberecho”; Cisca uns poucos pola eira, os rapaces van collelos de gatiñas, uns cos outros, levantándose e caendo. Dimpois tódolos da casa, arredor do fol ou cesto, non se afartan de gandire os birbirichiños frescos. ¿Nos vistes algunha vez polo vran un niño feito cos paxariños deitados todos en roda por dentro como se estrican e chían con sonidos mui pieiros cando vén voando a nai coa bicada no piteiro? Pois así, co mesmo afán, dando gritos, dando berros, os fillos dos probes brincan de alegría e de contento, e saen en coiro afora cando ven os pais de lexos que traen os birbirichiños das areas de Castrelo. Agora os homes de chola, sin forzar o entendimento, sabrán por qué ós de Cambados chaman os birbiricheiros. Mais non me dirán a min, e aposto o que non teño, cómo dos birbirichiños se repoñen os viveiros, pois tantos e tantos sacan, tan decote e tan arreo, que si sacaran areas, no’había areal en Castrelo. Sólo o que leva por conta as voltas do univeso, o que de nada se olvida e sempre está co ollo aberto, podrá si quer explicalo e darnos conocimento, que os homes, por mui leídos... desengañarse, é o vento. 12/08/2005 10:12 LEER este artigo. Tema: POESÍA. Comentarios » Ir a formulario |
![]() Esta obra está baixo unha licenza Creative Commons. TemasArchivos
Enlaces |