COLINETA. Gastronomía e literatura.contacto: miguel(arroba)colineta.com
|
O GATO DA TASCA MARIÑEIRABernardino Graña En Profecía do mar (1966) O GATO DA TASCA MARIÑEIRA Aquí non hai silencio porque hai homes falan os homes falan aquí non pasa o vento esa fantasma os homes falan falan e fórmase outro vento outro rebumbio unha fantasma feita deste fume este fumar sen tino estas palabras e pasa un suave gato que é da casa. Beben viño coñac berran discuten contan chistes mascan un pouco de xamón tal vez chourizo o gato ulisca cheira mira agarda vai á cociña ven ao mostrador quixera un anaquiño de boa carne un chisco de tenrura algún queixo unha migalla. Aquí non hai vagadas nin roncallos non se ven os cabezos nin as praias o taberneiro bole saúda cobra serve fala cambea mil pesetas chama á muller a berros e contesta ao teléfono ás chamadas e os homes berran moito cheos de ira e rin e danse a man e nada pasa. O gato calandiño ergue as orellas ten maino tan suavísimo sen gana cruza por entre as pernas entre as botas altas botas de caucho contra as augas co seu rabo arrequichado e duro e tan el calma e aquí non hai silencio que hai vinte homes e están ben lonxe os mares que arrebatan. Se acaso o gato mira os ollos do home guicha en suspenso escoita en paz agacha unha orelliña aguda e indiferente lambe teimudo e calmo unha das patas e se acaso durmiña e abre un ollo e ve que os homes beben fuman discuten moito non se cansan de ensaladilla callos mexilóns anchoas e viño e viño e viño tinto e branco en tantas tazas e esgarran cospen entran saen empuxan brindan cantan e a radio está acendida e óese música e o gato pasa indemne comprendendo tan costume son os homes no se espanta. 21/09/2005 17:24 LEER este artigo. Tema: POESÍA. Comentarios » Ir a formulario |
![]() Esta obra está baixo unha licenza Creative Commons. TemasArchivos
Enlaces |