Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

NAVALLAS Ó LAMBE LAMBE

NAVALLAS Ó LAMBE LAMBE

Un dos recordos máis vívidos da miña nenez son as navallas coas que miña mai comezaba a comida dunha boa parte dos sábados. O mercado de Ferreira do Valadouro vivía tempos mellores que os actuais, e eran moitas as pescantinas, de Foz e Burela principalmente, que cada sábado levaban o peixe á vila.
Tamén chegaba peixe de Viveiro, destacando por derriba de todo as exquisitas navallas, que por entón ou non tiñan o aprecio de hoxe ou se collían en grandes cantidades, xa que o prezo era moi asequible a calquera peto.
Temos que aclarar que na zona de Viveiro e Vicedo, e por extensión na meirande parte da Mariña de Lugo, chámase navalla ó molusco bivalvo que noutras zonas do país leva o nome de cadelucha, e en castelán se denomina coquina. E o que na meirande parte de Galicia se coñece como navallas, na Mariña son longueiróns ou longueirolos e aguillolos cando nos aproximamos a Asturias.
Como dicía, as navallas que de Viveiro chegaban a Ferreira tiñan prezos moi axeitados, polo que calquera podía facer festa. Tradicionalmente comíanse con arroz, pero miña mai era experta en cociñalas ó lambe-lambe: frítese cebola ben picada en bo aceite e incorpóranse un ramo de perexil e as navallas ben lavadas. Cando están abertas ponse algo de pemento picante, remexese e para a mesa, sen esquecer un bo pan para mollar no prebe. Marabilloso como tamén marabillosas son as navallas crúas, sempre que teñamos garantía da súa depuración.
A receita non é nova. Xa o compostelán Manuel María Puga y Parga a recolle no Picadillo, unha das biblias gastronómicas dos galegos. O señor de Anzobre aplica a receita a unhas ameixas e castelaniza o nome, polo que lle saen almejas lame-lame. No substancial a receita non varía en nada, pero o resultado non é o mesmo, e as ameixas resultan moito menos apropiadas para esta preparación que as navallas.
Agora que comezou a tempada de recollida deste marisco é bo momento para probar a ancestral receita. Hoxe xa non hai navallas no mercado dos sábados de Ferreira, e os prezos andan polas nubes, pero todos podemos darnos un capricho de cando en vez. Fáganme caso a min ou ó ourensán Modesto Fernández “Camilo de Cela”, que en 1897 escribía, no prólogo á Agenda de cocina para 1897 de Angel Muro: “¡Ah! Cuando recuerda la memoria el regocijo que producen en el cuerpo humano las navallas ó lamelame de Viveiro...”

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres