Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

TODA UNHA VIDA NO MESÓN DO POETA

Falaba hai uns días da edición deste ano do Premio Nacional de Periodismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro, que se fallo en Lalín este mes de xaneiro. O mesmo día deuse a coñecer a lista dos premios ó labor de toda unha vida, que recoñece o traballo de catro cociñeiras galegas, un de cada provincia.
A premiada por Lugo é este ano Salomé Gómez Fernández, cociñeira e propietaria, xunto co seu marido, do Mesón do Poeta, de Burela. Tanto Salomé coma o seu home proceden do Valadouro, e máis concretamente da parroquia de Vilacampa. Moito me gustará ver por segundo ano consecutivo a unha persoa do Valadouro subir a recoller un premio na Gala da Gastronomía, e que o vexa Galicia enteira a través da televisión autonómica.
Semella que A Mariña de Lugo está de moda en Lalín, xa que si este ano haberá dous premios para outros tantos mariñaos (Salomé e o escritor e médico de Viveiro Fausto Galdo, como autor do mellor libro de gastronomía), o ano pasado tamén dous da Mariña recollemos senllos premios. En 2004 o premio ó labor de toda unha vida correspondeu á propietaria do restaurante A Voltiña, de Mondoñedo, e eu mesmo recollín o premio ó mellor libro de gastronomía galega.
Agardo que Álvaro Cunqueiro, dende a cociña do Ceo, estea disfrutando dos méritos mariñaos, el que en 1969 foi o primeiro pregoeiro da festa.

0 comentarios