Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

¡A PROBIÑA QUE ESTÁ XORDA...!

Rosalía de Castro (De “Follas novas”)

“Alá enriba da montaña,
sai fume das chamineas...
Valor, meu corpiño vello.
Levaime aló miñas pernas.
Paseniño, paseniño,
aquí para, alí te sentas,
irás chegando Xuana,
a donde as casas fomegan.
¡Dios diantes, a virxe te valla!
Que hoxe, seica... seica... seica...
has de comer sete cuncas
de bon caldo, coa da cea
e mais compango de porco
ou de sardiñas salpresas
que os montañeses son homes
que cando dan, dan de veras.
Dempois quentaraste a un lume
grande como unha fogueira,
e cando xa estés ben quente
¡A dormir... e que amañeza!”
I a vella vai, sube, sube
a costa do mar de ovellas
cun ollo posto no chan
i outro onda as casas fomegan.

Mentras tanto o sol da tarde
tras dos pinares se deita,
i aluma con tristes raios
as sombrizas arboredas.
Dos Anxos o val hermoso,
sabán de verdor ostenta
alá no fondo tranquilo
que soaves brisas ourean.
Aquí fonte, alí regato,
a iauga brila entre as herbas,
color de ouro, que o postreiro
raio de sol fire nelas.
Quieta, docísima calma
arriba i en baixo reina;
a noite ven silenciosa,
maina, pero sin estrelas.
Nin siquera unha relumbra
no firmamento, que espesa
brétema tamén se corre
polas llanuras etéreas.
Comenza a orballar, escuro
todo arredor, a penas
se acerta o que o máis coñozca,
con camiño nin carreira.
Mas non importa por eso,
que o que é valente é de veras.
I a vella vai, sube, sube,
a costa do mar de ovellas.
Cun ollo posto no chan
i outro onde as casas fomegan,
que alí relumbra unha luz,
e vai direitiña a ela
marmurando “-Arriba, Xuana,
que ou me engaño ou terás festa.”

A esperiencia insina a todos,
e ten a vella esperiencia,
por eso non pensa mal,
pensando que arriba hai festa.

Un carballo arde no lume,
i arredor do lar se sentan
rapazas de alegres ollos,
avós de brancas gadellas,
vellas que indan rompen mangas
e tocan as castañetas;
os afillados que a dona
i o dono ten pola aldea,
i os amigos i os cuñados,
os curmáns i a parentela
toda xunta, e mailo crego
i o zuruxano das bestas.
Un cego coa súa zanfona
en compaña doutra cega,
que, si ben lle dá ó pandeiro,
fai falar as castañetas;
un manco, un coxo, unha tola
i outros pobres, que se sentan
nun tallo para dez posto
nun curruncho da lareira,
e abofellas máis non caben
inda que algún máis vir quixera.
Foron chegando, chegando,
mais de nove ulindo a festa,
i a ningún botou da porta
a rica da montañesa;
que hai para todos, o día
que alí cocen, carne fresca
por arrobas, e se fan
Pppas de arroz en caldeiras.
Matouse un carneiro, grande
como un boi, e unha tenreira
como unha vaca, e gordiña
como unha cocha pequena.
Hai viño a Dios dar, un viño
do Ribeiro, que é canela;
e para a xente de menos
haino tamén do da terra,
un pouco agriño, mais fresco
e saboroso como fresas.
Coceuse unha gran fornada
de millo branco que albea,
con mixtura de centeo
i unha pouca de manteiga.
Parece biscoito a broa,
iun non se ve farto dela,
que inda é miuto máis sabrosa
que os moletes que en tres cestas,
escollidos, de Santiago
trouxeron as panadeiras.
En fin, a comida roda
polos pés, i o viño alegra
as xentes tanto, que rabia
de envidia a negra tristeza.
Os pobres que alí viñeron
i atoparon lume e mesa,
contan contos que dan risa,
así ás mozas coma ás vellas;
uns en verso, outros en prosa,
pois falan en todas lengoas,
i apostan entre eles todos
a quen fai copras máis feitas.
Ma-l-o da zanfona gana,
que lle apunta a compañeira,
e axúdalle o viño branco
con que a gorxa lle refrescan.

“¡Viva a cega! ¡Viva o cego...!”,
de cando en cando lle berran,
i el di, berrando mais forte:
“¡Vivan eles!... ¡Vivan elas...!
I a mais bonita de todas,
que veña a darme unha prenda.
¡Ghu-ghu-ru-ghu!” I aturuxa
hastra ensordece-las pedras,
i a cega dálle ó pandeiro,
i o cego toca nas tecras,
i ó compás do zongue, zongue,
de novo bailan as nenas,
e din os pobres, botando
leña no lar: “¡Esta é festa!
¡Quen che hoxe andivera fóra
ca tripa toda baldeira...!”
I un ollo botan sorrindo
ós feixes de palla fresca
onde han de dormir quentiños,
coma rixóns en caldeira,
mentras fóra zoa o vento
e ladran os cans nas eiras.

Xa preto da media noite,
dan encomenzo as pelas;
os mozos loitan cas mozas,
medindo as forzas que teñan

e n’andan en comprimentos
para botarse por terra.
‘Si as vírades que valentes
se amostran na loita as nenas!
¡Fanlle ós mozos cada mágoa
cas súas mans pequeneiras!.

-Un xa caíu... foi un home...
¡Ela venceu..., venceu ela!
¡Ben pola nena bonita!
¡Que vivan as montañesas!
¡Que vivan pois loitar saben!
-¡Si fixo trampa! – el contesta
avergonzado. –Foi trampa,
que sinón, nin cen coma ela.
-¡Que trampa nin que morcegos...!
vencinte...
- Non.
- Si.
- ¡Me venzas...!
E mentres que nesto están:
¡Plum!, ¡plum!, ¡plum!, dan cunha pedra
na porta.

-¿Quen é? –Perguntan.
- Son unha probiña vella
que me perdín neste monte...
- Responde unha voz que tembra.
¿Non me darán pousadiña,
que está chovendo e lostrega?.
- Vaia con Dios, xa vén tarde,
non hai sitio –lle contestan.
- ¿Qué di, señora? Son xorda
coma un canto..., miña prenda.
Ábrame a porta que Dios
llo pagará...
- Probe vella...
un pouco adiante, pretiño,
hai máis portas, chame nelas.
-¿Qué di, señoriña? Mire
que está unha noite moi fera,
e teño medio que os lobos
me coman...
- ¡Dios diante! ¡Seica!
N’hai lobos aquí, ande, ande,
vaia con Dios, que outra aldea
hai preto.
- ¿Qué di, señora?
- Vaia con Dios, non sea terca,
que aquí non caben máis
nin probes nin ricos, ¡eia!
- ¿Qué di, ña filla? Son xorda
e non oio anque me fendan.
¡Brrr..., que frío, señoriña!
vosté que é tan limosneira,
déixeme entrar e estarei
no cortelliño coas bestas.
¡Brrr...!, ¡que morro coa friaxe!
¿Quengha!, ¡quengha!, ¡quengha!, ¡quengha!
¡Que tos..., Dios me valla..., brrr...!
¡Xa non podo máis!
- Pois veña,
e si non ten onde pórse,
brinque a cabalo da artesa.
- Falou a dona que tiña
o corazón de manteiga.
- ¡Dios llo pague, queridiña!
xa topará recompensa
no ceo... abra, miña xoia...
escramou de pronto a vella.
- ¿Logo n’e xorda, que oieu?
dixeron de dentro, antramentras
que quitaban o tranqueiro
da porta.
- ¿Qué di, ña prenda?
Non lle oio nada, mas teño
moito sentido...
- ¡Abofellas
que non mente! Vaia, vaia,
adentro...
- Santas i buenas
noites teñan mis señores...
¡Xesús, seica están de festa
que hai moita xentiña xunta!
De hoxe nun ano aquí os vexa.
Dios os bendiga... el Señor
lles dé fertuna ás mancheas
e saudiña...
- ¡Amén, amén!
- Busque sitio na lareira
e quéntese...
- ¿Qué me dixo?
Son xorda como unha pedra,
e máis non probei frangulla
desde onte á noite, e nas venas
xa teño o sangue callado
polo frío...
- I antramentras
que esto di, vaise arrimando
ó lume moi compangueira
cos outros pobres, e fura
por antre eles, por antre elas.
Brinca por riba do cego,
e queiras que non queiras,
sempre tembrando de frío
e xorda como unha pedra,
según di, no mellor sitio
con moita humildá se senta
e arrima un mando de lume
para onde ela está.
- ¡Ei, miña vella!
mire que hai máis que vostede
aquí, ¡que comenencieira
parece! –lle di outro probe
cunha cara de desteta
nenos.
- Como di, meu fllo?
(Sorrindo reprica ela
sentandose máis a gusto)
- Eu de calquera maneira
me amaño; que así no ceo
me amañe el Señor...
- ¡Bah!, seica
quer facer mofa da xente...
¡Poche, co xuncras da vella!
mesmo parece un espeto.
- ¿Si quero un neto, ña prenda?
Si mo desen inda pode
que pouco a pouco o bebera,
pois teño moita sediña,
e fame, e frío...
- ¡Rabea!
¡Can! que non vin unha xorda
máis fraca nin lagarteira.
¿É filla dalgún raposo?
- ¿Qué pille un óso? Da vella
quérense rir... ¡Ai, Dios mío!
Pero a fame élle moi negra;
tráiamo se é que inda ten
apegada algunha freba,
e ireino raspando a modo
cun canteiro que me queda.
Todos riron ca resposta
e... -¡Inda nunca Dios me dera,
- dixo o cego-, que esa xorda
sabe máis que eu, abofellas!
- Merece comer compango
E voullo dar, miña vella,
porque onde queira que a atopo
gústame sempre a sabencia
¡Coma e fártese! Aquí ten
talladas e viño...; beba,
beba pola miña conta
á salú das montañesas.
- Dixo a dona, e doulle un prato
de callos como unha cesta
á probe, e viño e pan branco,
canto quixo; fartouse ela
mesmo hastra que tuvo a tripa
coma un pandeiro. Rabenta
por pouco...; mais o pelexo
tiña duro, e nin siquera
lle arregañou, i ó outro día
xa estaba tan peneireira.

- Coidado,- lle dixo a dona
cando se foi. Conta teña
de non volver por aquí
mentres lle dure a xordeira.
- ¿Qué di, miña queridiña?
- Respondeu rindose a vella.
Son mesmo como unha tapia,
e nos lle oio, anque me fendan.
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres