Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

CANCIÓN PRA IR AO MAR DE PESCA

Bernardino Graña

En Profecía do mar (1966)

CANCIÓN PRA IR AO MAR DE PESCA

Pra que anden gordos todos os nenos
e polo Agosto haxa máis festas,
imos buscare xunto das illas
unha corvina,
unha faneca,
un abadexo,
unha morea.

Pra que en Galicia cheiren as fábricas
de salazón e mais de conserva,
imos ao mar con harpón ou liña
a pescar rincha,
congros e alcriques,
moita pescada,
unha balea.

Pra que as mulleres berren na praza
e haxa ruído polas tabernas,
traerei con nasa, rede ou fisga
luras e polbos,
muxos e nécoras,
meros e sargos,
sollas e vieiras.

Hei de pescare con xeito ou baca,
con bou ou cunha pobre gamela
unha centola,
xouba e sardiña,
un rodaballo,
unha doncela.

Imos ao axexo, imos ao escuro,
cando a ardentía ou a lúa chea,
e aseñaremos por estas rías
o lombrigante,
bonito duro,
moitos xurelos,

a palometa,
un ollomol,
unha zapata,
un peixe-sapo,
un fura-areas,
a robaliza,
a maragota,
o pinto, a raia
e toda a pesca.

0 comentarios