Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

COUSAS DO MARKETING... E DAS FABAS

Sempre admirarei as persoas capaces de identificar as mellores esencias dunha vila ou comarca e traballar con elas ata conseguir convertelas en elementos decisivos para a súa promoción e coñecemento.

Escribo estas liñas pensando nas persoas que botaron a andar hai década e media a Festa da Faba de Lourenzá, e nos que a manteñen dende entón e nos que conseguiron que as fabas da Mariña, de calidade insuperable, gocen de sona en toda Galicia e Asturias, sona que cada día medra e se estende mais. Todos eles, en moitos casos persoas anónimas, merecen un especial recoñecemento. Aquí faigo publico o meu.

A Festa da Faba de Lourenzá, aínda recente a deste ano, esta a contribuír a dar a coñecer non so o produto, senón tamén a Mariña de Lugo, que no resto de Galicia e a gran descoñecida. Este ano anunciase a posibilidade de que na próxima edición da festa as fabas teñan xa a súa indicación xeográfica protexida (IXP), que recoñecera a excelencia dun produto insuperable. Oxalá así sexa.

A web do ministerio de Agricultura, nunha información actualizada a 3 de outubro de 2005, inclúe entre as IXP que se están a tramitar a da Faba de Lourenzá, sen máis datos.

Pero ai comeza o problema. As IPX protexen produtos agrícolas de especial calidade que se cultivan en zonas determinadas. Na indicación que se tramita inclúense as producións de 13 dos concellos mariñaos (Alfoz, Valadouro, Foz, Mondoñedo... incluso Lourenzá,quedando excluídos unicamente Cervo e Ourol). A falta de máis datos, é fácil deducir que a meirande parte da produción pertence aos 12 concellos alleos a o val de Lourenzá. Por iso non entendo que o nome da identificación faiga exclusivamente referencia a un concello (penso que seria máis lóxico que o seu nome fora Faba da Mariña), como non comprendo o silencio ao respecto dos colleiteiros do resto de concellos e das autoridades locais dos mesmos.

Que Lourenzá encabece a movida non lle da dereito a adxudicarse un ben común, inda que nesta cuestión xa proclamo a miña derrota por adiantado. Tamén Mondoñedo fixo propia a receita da torta de améndoa común ao resto da Mariña é o único cocido galego que sona no mundo é o de Lalín. Cousas do marketing.

O que non dubido é que en Vilanova debe estar a sede do organismo que regule a indicación xeográfica protexida e o xa existente Centro de Interpretación da Faba. Téñeno ben merecido.

Ver a receita da Marmelada de fabas

Artigo publicado en El Progreso o 9 de outubro de 2005.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

0 comentarios