Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

TAPIÑAS

OURIZOS EN SAN CIBRAO

Mañá sábado, a localidade de San Cibrao, no concello de Cervo, celebra a Festa do Ourizo. Haberá marisco de balde para todos os que se acheguen alí despois de media tarde.

Unha festa para satisfacer os apetitos dos afecionados da Mariña luguesa, e os moitos visitantes que se achegand ende outras zonas, especialmente Asturias.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres.

QUEixo en COnserva

“Queco”. Así se chama o queixo en lata que se presentará en sociedade na próxima edición da feira Alimentaria, a celebrar en Barcelona a partir do 6 de marzo, inda que parece que xa se está a vender en varias comunidades autónomas. Trátase dun invento galego, que garante a conservación do produto durante máis de dous anos.

O queixo comercializao a empresa viguesa Senga, cun web que non vai.

Se preguntan aos responsables das fábricas de conservas galegas sobre os alimentos que enlatan nas mesmas para uso propio ou dos directivos das respectivas firmas, verán a enorme variedade de conservas en lata que produce Galicia e que non están no mercado.

MAÑÁ, FESTA DA VINCHA

Os interesados nunha das sobremesas máis curiosas do antroido galego, non deixen de ir mañá á Festa da Vincha, en Cerdedo (Pontevedra).

Grazas ao blog As Crónicas Prusianas, sabemos que os chips de mazá aparecidos en Doniños son producidas en China pola compañía Dongfang Green Tree Food CO.,LTD.

OURIZOS E RECEITAS AFRODISIACAS

OURIZOS E RECEITAS AFRODISIACAS

Tres toneladas e media de ourizos haberá en San Cibrao, na Mariña de Lugo, para festexar a XV Festa do Ourizo o próximo 4 de marzo. A degustación deste marisco será gratuíta e comezará ás seis da tarde, con posterior verbena popular.

Os interesados no mundo do ourizo terán xa cita o día anterior, cunha serie de conferencias técnicas sobre o tema. Tamén haberá concurso de pratos cociñados con ourizo.

E seguro que os ourizos tamén estarán presentes entre o 30 de marzo e o 2 de abril no Salón Erótico do Atlántico, que se celebrará en Vilagarcía de Arousa. Prometen unhas xornadas gastronómicas afrodisíacas.

FESTA DA FABADA

Por fin. Nace a festa da fabada. Agora so falta a da paella valenciana. ¿Ou xa a temos?.

No concello de Mos celebran este domingo a primeira festa da fabada, prato típico desta zona de Pontevedra, como todos sabemos.

Está claro que o asunto está en celebrar algo que ninguén antes celebrara.

De cociñar a fabada encargase, como no caso de moitas festas dos callos, a empresa Frigolouro que, entre outras cousas, enlata callos e fabada. ¿Oído?

COCIDO DE LALÍN

COCIDO DE LALÍN

Os hosteleiros de Lalín, impulsados polo concello, dan a coñecer a receita oficial do cocido de Lalín.

VOLVE O TEMPO DOS BERTÓNS

Prato propio da cociña galega tradicional, os bertóns recheos son un prato descoñecido para unha boa parte dos galegos.

Unha preparación que cheira ás leguas á vella cociña dos pazos e os mosteiros e que podería estar, por dereito propio, na carta dos mellores restaurantes de Galicia. Atrevanse a probar unha das receitas preferidas por Cunqueiro.

COMEDORES DE OURIZOS

Sempre pensei que o interese gastronómicos polos ourizos chegou á Mariña de Lugo da man dos asturianos que se asentaron na mesma, principalmente coa construción da fábrica de alumina-aluminio, que converteu San Cibrao na capital do ourizo.

Pois semella que a cousa ven de máis lonxe, segundo conta Otero Regal, xornalista, ceramista e empresario hostaleiro radicado en Viveiro, nun artigo publicado na edición de A Mariña do Progreso de Lugo o pasado 22 de xaneiro.

Di Otero Regal, nacido en Nois (concello de Foz) que hai preto de medio século, cando el era neno, na súa parroquia era costume ir aos ourizos despois do Nadal para comelos pola noite xuntándose varios veciños.

Os interesados no tema poden ler o artigo completo na páxina 2 de dito xornal, accesible en formato pdf.

CUESTIÓN PARA O DEBATE

Vigo. Baixo tomar un aperitivo. No extremo contrario do bar acamareira atende un par de clientes sentados nunha mesa, que xesticulan airados.

De súpeto, a camareira espétalles, case berrando, que a tapa que acompaña ao viño non é unha obriga, senón un “agradecemento” do camareiro/a. Semella que dita camareira considera o pincho como a propina que se lle da ao cliente.

A min puxéronme unha boa tapa, non me queixo.

¿Qué opinan os lectores?

FESTA DO XABARÍN

En Cerdedo (Pontevedra) teñen un problema: a superpoboación de xabarís nos seus montes, que causan graves danos nos cultivos da zona.

O problema de moitos ten a parte positiva para os cazadores da zona, que teñen abondas posibilidades de exercitar a súa afección.

Semella que en Cerdedo buscan sempre a parte boa das cousas e o seu problema vai converterse nunha festa para todos: a Festa do Xabalí, que terá lugar os días 29 e 30 de abril. Polo momento xa hai 17 xabarís conxelados para esta festa.

Cerdedo celebra tamén a Festa da Vincha, coa que tentan recuperar esta sobremesa típica da zona e do tempo de antroido.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres.

BURELA EN XANTAR

Do 8 ao 12 de febreiro próximo celebrase en Ourense a feira Xantar, onde están presentes as cociñas das distintas comarcas galegas, así como doutras zonas de España e norte de Portugal. Este ano, ademais, estará representada a Bretaña francesa.

A xornada do día 10 dedicarase á localidade luguesa de Burela. Hai dous anos estiven en Xantar. Había un restaurante representando a Burela. Co obxectivo de promocionar o bonito ofrecían marmitako, unha receita vasca. ¡Cómo se na Mariña non houbera espléndidas receitas para o bonito!. A ver se este ano se fai mellor.

Modestamente propoño que os representantes bureleses mostren ao resto de Galicia o marabilloso "rollo de bonito" que se fai pola Mariña adiante e nas veciñas terras do Occidente de Asturias.

CARAMELOS DE XIN-TONIC

O camareiro puxo no vaso de tubo un anaco de limón, dúas pedras de xeo, xenebra e tónica. Estaba a preparar un xin-tónic, bebida pola que os británicos deberían estar xa no valhala da coctelaría.

Non sei porque motivo, dito camareiro decidiu remexer o xin-tonic cun chupa-chups no canto de facelo coa culler regulamentaria. Parece que nese momento se lle ocorreu a idea: fabricar caramelos de xin-tonic.

Tal camareiro chamase Paul Bordonaba e converteuse no fabricante dos primeiros caramelos de xin-tonic, que proximamente se comercializarán a través de internet.

A min tamén me gusta remexer o xin-tonic. Emprego para eso o dedo índice da man dereita, que de seguido lambo con fruición. ¿Será posible fabricar unha lambetada de dedo?. Acéptanse propostas. Non valen xeados, que xa foi inventado o frigo-dedo.

O TORRONTÉS ARXENTINO

Despois de escribir o post anterior visitei a páxina de Moto, por ver se Homaro Cantu daba algunha información adicional sobre as súas fotos comestibles, que onte impresionaron en Madrid.

Non atopei nada ao respecto, pero vin que nun dos seus menús ofrece “paella líquida”, e tamén que entre os viños da súa carta hai un “Don Rodolfo” arxentino, elaborado coa variedade empregada para a elaboración dos mellores brancos do país austral: a torrontés. Esta uva está moi presente no val de Cafayate, na provincia de Salta, onde polo menos ata 2003 celebraron unha festa dedicada a este viño varietal.

Semella que os investigadores arxentinos non se poñen de acordo sobre a orixe desta variedade de uva presente no seu país. Unicamente concordan todos en que procede de España.

Hoxe o torrontés cultivase case en exclusiva en Galicia, asegurando algúns autores que se trata dunha variedade autóctona galega, malia que nun tempo estivo abondo estendida por media España. Agora, como dicía, empregase case exclusivamente no Ribeiro e tamén se cultiva algo nas Illas Canarias.

XA O ADIANTOU COLINETA

Os xornais de hoxe falan da última novidade presentada onte na feira Madrid Fusión por Homaro Cantu, un cociñeiro norteamericano que pon na mesa a fotografía dun plato, impresa sobre unha especie de oblea impregnada co sabor do prato fotografado.

Eu sigo a preferir os percebes acabados de cocer e non a súa foto, por moi fotoxénicos que foran os mesmos. Seguro que a foto non serve para poñerse un pingando co zume dun crustáceo que se nos rebela ou ata para mollar a un compañeiro de mesa e ata a o veciño da contigua.

O conto é que sobre as fotografías comestibles de Homaro Cantu xa adiantou información Colineta hai case un ano. Entón falabamos da carta comestible do restaurante deste cociñeiro, que se chama Moto e está na cidade de Chicago.

TORTILLA CON CALLOS

Un ano máis, o restaurante lugués Verruga organiza as súas xornadas dos callos, que estarán na carta, en diversas modalidades, ata o próximo día 29 de xaneiro.

Unha das especialidades que ofrece o Verruga son os callos con tortilla, sobre os que xa escribía hai un ano.

DOMINGOS GASTRONÓMICOS NO ALTO MINHO

Catro e cinco de febreiro son as datas de arranque dunha nova edición dos Domingos Gastronómicos que organiza a Região de Turismo Alto Minho, na veciña portugal.

Esta décimo quinta edición comezará en tal data na localidade de Monçao coa lamprea do Miño como estrela. As xornadas rematarán 0 7 de maio en Ponte de Lima.

Os organizadores agardan superar o medio millón de participantes.

Hai un ano: NAVALLAS Ó LAMBE LAMBE

Hai un ano: NAVALLAS Ó LAMBE LAMBE

Hai un ano escribía sobre este tradicional prato da Mariña de Lugo: navallas ó lambe lambe.

SIDRA PARA OS ESPÍRITUS

Cando beben sidra, os asturianos sempre deixan un pouco no fondo do vaso, que tiran ao chan ou no recipiente disposto a tal fin.

Hai que di que ese pouco de sidra que se tira serve para lavar a zona do vaso por onde se bebeu, pero normalmente o líquido sae do cristal polo extremo oposto a onde se pousaron os beizos.

Escoitei recentemente outra explicación: trátase dun rito ancestral, unha ofrenda aos deuses, ou como lle queiran chamar.

A explicación lembroume o costume existente en Cuba, especialmente entre negros, mulatos e músicos.

Alí, cando se abre unha botella de ron, antes de servir o primeiro vaso tirase ao chan un groliño, que vai para os espíritos. Cando a reunión é de músicos, tirase o primeiro grolo ao chan “por el Benny”, dedicándollo á Benny Moré, o máis grande dos músicos e cantantes cubanos do século XX.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

CATRO PARA ALIÑAR A ENSALADA

Un dito castelán fala de que para amañar unha ensalada fan falla catro persoas:

Un xusto para o sal.

Un xeneroso para o aceite.

Un avaro para o vinagre.

E un tolo para removela.

É este un exemplo claro de que os refráns non son aplicables universalmente, xa que este dito en Galicia non ten moita aplicación.

Vale que aquí tamén precisamos ser xustos no sal que se aplica á ensalada, e que non lle vai mal que o encargado de revolvela teña o baile de San Vito e lle dea tódalas voltas precisas; pero no resto o refrán non vale para nos.

A abundancia de aceite e o pouco vinagre vanlle ben ao tomate, que nunca falta nas ensaladas mesetarias, e ata por veces son o único compoñente das mesmas.

Pero en Galicia a ensalada preparase case en exclusiva con leituga, a cal non tolera o exceso de aceite e si agradece vinagre suficiente.

Cambiando os roles do segundo e o terceiro individuo, aquí seguimos precisando catro para aliñar a ensalada. Eu ofrézome sempre para os tres primeiros traballos.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres