CHOURIZO CON LEITE

A min sempre me gustou coñecer novas culturas e novas cociñas, novos sabores e novas texturas, polo que recoñezo que cada día me gusta máis atopar no mercado e nos andeis das tendas especializadas produtos que hoxe consideramos exóticos e que en pouco tempo serán de uso cotiá. Pasou no seu tempo coa chirimoia, o aguacate ou o kiwi, que xa son de uso común. Está a pasar dende hai un tempo coa iuca ou os plátanos machos, eses grandes plátanos que so serven para cociñar e que ofrecen resultados estupendos.
Pero o chourizo con leite é outra cousa. Está entre nos sen que nos decatemos.
Basta con mirar as etiquetas de canto chourizo industrial atopamos nos andeis do supermercado para descubrir que todos conteñen leite, leite en po, soro de leite, sólidos lácteos ou calquera outro derivado do produto de muxir as vacas. Tamén pode haber proteínas vexetais (procedentes da soia) e outros elementos empregados como conservantes, corantes, etc.
Un, que estaba afeito a que os chourizos se facían con carne e touciño de porco, allo, sal e pemento, non pode menos que considerar estraños todos eses elementos que atopa na etiqueta do chourizo. Vale... no chourizo, no salchichón, no salame, no fuet, no choped, na mortadela, no paté, na sobrasada, no xamón cocido, na peituga de pavo e polo, no muslo dos mesmos... Ata en algunhas marcas de raxo adobado e cocido hai leite en po, e non acerto a entender como demo lla meten dentro, cando semella unha peza de raxo enteira e non materia picada.
Ante a constatación desta realidade un chega á conclusión de que ou renuncia a unha parte da súa vida (o peto non da para xamón de xabugo a diario) ou renuncia a ler as etiquetas dos alimentos, aplicando aquelo de que ollos que non ven...
O problema ven cando un e pai dun pícaro alérxico á proteína do leite. Entón non pode renunciar a ler as etiquetas. Eu levo sete anos facéndoo e ás veces noto as miradas da clientela do supermercado na miña caluga, especialmente cando estou ante o andel dos friames cagándome no leite en voz alta. Vostedes disimulen.
© Miguel Vila Pernas
El progreso
0 comentarios