Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

O ELÉCTRICO

Leo no xornal sobre unha taberna antiga na que se vendía viño (branco, tinto e clarete, di a filla do taberneiro) e tamén había augardente e xerez, cos que se facía a “mezclada”.

Hoxe chamaríanlle unha coctelería ó local. O costume de mesturar bebidas en Galicia ven de vello. A mediados do século pasado Eladio Rodríguez aseguraba no seu dicionario que a “anxélica” era bebida usual no Ribeiro e noutras zonas de Ourense, como parte da parva do inverno, refrixerio de media mañá con pan, papas ou patacas que acompañaban ó viño, á caña... ou á anxélica.

Esta anxélica compoñíase de dúas partes de mosto branco e unha de augardente.

Aló pola década dos setenta do século pasado, máis ou menos, púxose de moda entre os nenos de Ferreira do Valadouro outra mestura: o eléctrico. Consistía nun vaso de gasosa no que se deixaba caer unha única gota de vermú ou de cocacola, que baixaba pola gasosa formando vetas de cor ata desaparecer naquela inmensidade incolora.

O nome veulle á bebida do efecto que provocaba en nos ao bebelo, poñéndonos tremendamente eléctricos, por un efecto exclusivamente psicolóxico, por moito que a bebida levara unha solitaria gota de vermú ou cocacola.

Descoñezo quen creou a receita. Os primeiros eléctricos que lembro preparounos Fernando de Vilacemil, entón un rapaciño aínda non adolescente, camareiro do Raña. Tamén lembro os eléctrico da Barra, preparados por Julio.

Xa non se pode pedir eléctrico na Barra nin no Raña, que os dous pecharon. Julio está retirado e Fernando rexenta un bar galego en Madrid. O meu fillo, de sete anos, pídeme de cando en vez un eléctrico para acompañar a cea.

Póñolle un vaso de gasosa cunha pinga de cocacola e vexo na súa cara o mesmo sorriso ilusionado que eu poñía entón.

© Miguel Vila Pernas

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres