Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

DIANTE DUNHA CUNCA DE VIÑO ESPADEIRO

DIANTE DUNHA CUNCA DE VIÑO ESPADEIRO
De Ramón Cabanillas
(Da terra asoballada, 1917)

¡O espadeiro! ¡Acios mouros, cepas tortas,
follas verdes, douradas e vermellas,
gala nas terras vivas de Castrelo
nos Castelos de Oubiña e nas areas
de Tragove e Sisán, do mar de Arousa
e o Umia cristalino nas ribeiras!
¡O espadeiro amante! ¡O viño doce!
¡Alegría de mallas e espadelas,
compañeiro das bolas de pan quente
e as castañas asadas na lareira!
¡O espadeiro! ¡O resolio que louvaron
en namorantes páxinas sinxelas
os antigos abades do mosteiro
de Xan Daval, na vila cambadesa,
aqueles priores leigos e fidalgos,
mestres na vida, na virtú e na ciencia,
que sabian -¡ouh tempos esquencidos!-
cantala misa, escorrentalas meigas,
acoller e amparar orfos e pobres,
rir coas rapazas, consellalas vellas,
darlle leito e xantar ós peregrinos,
pechar por foro as portas da súa igrexa
á xusticia do Rei, cobralos dezmos
e dispoñer vendimas e trasegas!
¡O espadeiro morno! ¡O roxo viño,
sangue do corazón da nosa terra,
que arrecende a mazás e a rosas bravas,
quence os peitos e as almas alumea,
e sabe a bicos de mociña nova,
aldeana e triqueira!
¡Como canta ó caír nas brancas cuncas
desde as pintadas e bicudas xerras!
¡Como latexa e brilla ó coroalas!
¡E como loce e ri cando as adreza,
asemellando fíos de rubises,
cun rosario de escumas sanguiñentas!
Cando nas mornas tardes de romaxe
vai na alombada pipa taberneira
ó souto que se estende ó pé da ermida
onde as campanas repinican ledas;
Onde axordan os fogos de tres tronos
e ó son da gaita a moceda tolea,
é a alma do galán verba maina;
de labradora e viril maxeza,
que o mesmo se derrete coas rapazas
que arma sin máis nin máis unha quimeira;
solta un “¡Ei, carballeira!” erquendo a moca
e facéndose atrás, e... ¡adiola festas!
Cando o xeado inverno alonga as noites
e en santa paz, ó pé do lar, se axeitan
mozos o vellos, desbullando o millo,
dándolle ó fuso ou restelando teas,
o espadeiro é o espirito do petrucio
de garimosa fala churrusqueira,
de mans de prata e lombo acorcobado,
queixo tembrón e neve nas guedellas,
que chiscando os olliños contra os mozos,
pondo ás rapazas cores nas meixelas,
sabe contar os divertidos feitos
e as antigas historias que comenzan:
”Unha vez, unha nena e mais un frade...”
”Tiña, naquel entón, un paxe a reina...”
¡Espadeiro! ¡Espadeiro! ¡Ledo viño
das noites mozas! Claridá de estrelas.
O aturuxo zoando nas quebradas...
Mozos... Pandeiros... Un amor que empeza...
Aromas das carqueixas e do trevo...
De man en man, a bota carreteira...
Unha cantiga ó pé dunha ventana...
¡Detrás dos vidros, Ela!
¡Ouh, espadeiro amante! ¡Ouh, roxo e quente
sangue do corazón da nosa terra!
¡Acende os corazóns dos apoucados!
¡prende lume nas almas, viño celta! !

0 comentarios