Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

A CALIDADE E O PREZO

Vivín 18 anos en Madrid e coñezo o que o madrileño medio sabe de Galicia: un país no que chove de seguido e no que resulta incómodo camiñar polas beirarrúas, non polo estreito das mesmas ou polo seu mal deseño ou construción, senón porque as nécoras e centolas, que andan soltas polas mesmas, non deixan sitio onde poñer os pes.

Así que o madrileño (e moitos outros turistas españois) ven a Galicia provisto do imprescindible impermeable e co apetito aberto a calquera cousa que se criara no mar e non sexa peixe nin bañista. O gusto do madrileño polo marisco é grande, polo que na capital existen moitas marisquerías nas que, por un prezo máis que razoable, un énchese de marisco de calidade máis que dubidosa.

Aí temos, pois, ao turista pasmando cos escaparates da rúa do Franco, en Santiago, decidido a comer as cigalas máis grandes que vexa e as mellores ameixas do país. Regado, claro está, cun albariño, que como xa mirou nas tendas de todo a un euro da mesma rúa, non está tan caro coma en Madrid.

Así que a parella entra no Pasaje, para min un dos mellores restaurantes de Compostela en materia de peixes e carnes, e pide ameixas das boas, e cigalas das grandes e albariño de calidade, que alí do fulero non hai. Cando chega a conta (138 euros para dúas persoas) chegan tamén as lamentacións e as protestas. Non saben que hoxe mesmo na lonxa do Muro, na Coruña, as cigalas chegaron a cotizarse a 100 euros o quilo, prezo ao que hai que engadir o transporte ata Santiago, a preparación, os custes do restaurante e os xustos beneficios duns e outros.

Que a conta sexa alta e non estea ao alcance de calquera peto non significa que o servizo fora caro. A calidade, en Galicia, págase. O mesmo que en Madrid.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

0 comentarios