Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

FESTAS GASTRONÓMICAS

Chega o verán e Galicia enteira arde en festas, inda que dun tempo a esta parte as cousas van cambiando. Das antigas romarías, que enchían de merendas o campo da festa no día do patrón, pouco queda. Ao Santiago de Lagoa, en Alfoz, ían dende Ferreira andando e cargando coa cesta da merenda, coas súas empanadas, pastelón de pichón para as casas de máis economías, cocidos, requesón, colinetas da Pisona, brazos de xitano. No campo da festa buscábase a sombra e un rego de auga para refrescar o viño.

De todo aquelo xa vai quedando pouco. Se cadra, o Naseiro, que non perde un chisco da súa forza e o Bispo Santo, en Foz, que cada ano gaña máis. Son dous casos peculiares. A primeira naceu como a primeira romaría laica galega e como unha das primeiras festas gastronómicas galegas que, curiosamente non se dedica a un produto en concreto, senón ao “bo comer”. Na segunda, inda que de caracter relixioso no seu orixe, é cada día máis outra das miles de festas gastronómicas que se celebran en Galicia, e como no caso do Naseiro, tampouco se dedica a un produto en concreto, senón a todo aquelo que os romeiros queiran homenaxear.

Nos dous casos, cada un come o que leva da casa ou amaña no mesmo lugar, así que o normal é que todos coman ben. Non pasa o mesmo nas habituais festas gastronómicas organizadas para dar máis ou menos pulo aos produtos propios dunha zona, á zona mesma ou ata a diversos personaxes locais. Resulta común que en ditas festas se coma máis mal que ben: o importante é a cantidade de festeiros que se xuntan en cada edición. E para os participantes semella que o importante é comer moito por pouco diñeiro, sen importar moito a calidade. Así que comemos empanadas que en calquera restaurante rexeitaríamos, polbo duro coma o demo, churrasco queimado por fóra e cru por dentro... e bebemos viños de ínfima calidade, eso si, de balde. Hai xa incluso festas organizadas por profesionais, que preparan a comida en grandes instalacións industriais (ata en fábricas conserveiras) e no campo da festa o único que fan é quentar e servir.

Claro que pode que o máis importante da festa non sexa comer ben, senón comer e atoparse cos amigos e coñecidos e correr unha farra canto máis grande mellor. Para eso moitos dos eventos que teñen lugar ao longo de Galicia no verán son insustituibles.

Claro que tamén hai excepcións, e moi notables. Lembro a primeira festa do percebe en Corme, Ponteceso, a comezos dos 90. Os tres primeiros pratos de percebes con cachelos que se serviron aquel día pasaron polas miñas mans (era o primeiro da cola, non houbo prebenda ningunha) e resultaron excelentes. Claro que eran os mesmos percebeiros os que se encargaron de mimar o produto. Algo semellante me sucedeu o ano pasado en Burela, onde fun pregoeiro da festa do bonito. Puiden comprobar persoalmente o esmero e cariño con que alí se trata o produto, e os excelentes resultados que se obteñen.

Outra festa que visitei o verán pasado foi o mercado medieval de Alfoz, e a posterior cea. Non hai mellor sitio en toda a comarca para un mercado medieval, ao pe do castelo do Castro e vixiados na distancia polas penas da Frouseira, onde estivo a fortaleza de Pardo de Cela, xamais vencida.

Sorprendeume unha festa organizada por un grupo de rapaces e sen apoio de ningún tipo, que conseguiron xuntar ao pe do castelo un gran número de festeiros dispostos a dar boa conta da cea. No menú unha empanada pasable, un churrasco discutible e un lacón asado certamente salientable. Postos a pedir, eu eliminaría a empanada e o churrasco. E xa que a festa vai de estilo medieval, asaría un xato enteiro, no mesmo campo da festa. Polo día sería un máis dos espectáculos que se poden contemplar no Castro. Pola noite, unha alegría para o noso padal. E non pido nada que non se fixera antes. Lembro hai anos o becerro que asaron na parroquia do lado, San Pedro, non lembro se con motivo da festa do patrón ou pola dos choferes. Non me convidaron a probar a carne, pero o espectáculo pagaba a pena.

E para rematar anunciar unha nova festa gastronómica no calendario. Terá lugar o 17 de xullo en Vilamarín (Ourense). O produto a exaltar serán as ortigas, que xa se comían na idade media, según indica o Marqués de Villena no seu libro “Arte Cisoria”.

Artigo publicado en El Progreso

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

0 comentarios