Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

COMIDA DE ALDEA NA CHAIRA

Despois de 18 anos traballando en Madrid, regresei a Galicia, para quedarme, a comezos dun mes de novembro hai xa preto de 15 anos.


Non puido ser mellor a celebración do regreso. Aquel primeiro de novembro, día de tódolos santos, atopei en Ferreira do Valadouro co meu amigo Miguel, veterinario na Terra Cha, e co que tiña compartido boas comidas, merendas e ceas, en compaña do resto dun bo fato de amigos.


’’Esta noite ceno na casa dun amigo chairego, e vai haber festa’’, dixo, pasando a explicar sen moito detalle o menú que agardaba atopar na chaira.


’’A eso tamén me apuntaba eu ’’, contestei.


’’Pois veña, que hai confianza co anfitrión e comida ha de sobrar’’.


Dito e feito, pola tarde puxémonos en camiño e, cando chegamos ao noso destino, o xefe da casa estaba ocupado en muxir e dar de comer as vacas, nunha corte que me impresionou polo limpa e ben montada que estaba.


O amigo do meu amigo non deixou de desculparse e reprocharlle a Miguel non ter avisado que levaba compaña para preparar algo mellor que o que se estaba a cociñar. “Non lle hai máis que comida de aldea –dicíame- non sei se lle vai gustar”. Eu, que estaba avisado, non deixaba de tentar tranquilizalo asegurándolle que o que máis me gusta na vida é, precisamente, a comida de aldea. Primeiro pensei que aquel home retranqueiro tentaba tomarme o pelo de maneira miserable, pero acabei convencido de que era totalmente sincero na súa preocupación polos meus gustos culinarios.


Rematada a faena e visitadas as partes fundamentais dunha granxa ben montada, con vacas leiteiras de calidade, pasamos á cociña da casa, onde a muller e a sogra do noso anfitrión se afanaban nos últimos remates da cea. A cociña ulía a gloria.


Tratábase dunha casa tradicional galega, de pedra, cunha cociña ampla e con de modernos electrodomésticos, pero dotada dunha boa cociña económica, ou bilbaína como din noutras partes do país, instalada case no centro da estanza, cunha ampla pedra de mármore a un costado e rodeada por dous lados, os máis próximos á parede, dun banco corrido de madeira. Sentamos arredor da pedra de mármore e tomamos un vaso de viño mentres chegaba á mesa unha gran tarteira con pato guisado con patacas, seguida doutra de faisán asado e unha terceira de arceas, todas elas aves silvestres cazadas polo noso amigo.


Ceamos marabillosamente. Xamais esquecerei aquela “comida de aldea” chairega.


© Miguel Vila Pernas * miguel(arroba)colineta.com

0 comentarios