CHOCOLATE EN VIÑO
A televisión é hoxe tan común nos nosos fogares, que raro é aquel no que non hai dou ou tres aparellos distribuídos pola casa. Na miña está presente ata na cociña, así que mentres cun ollo controlas a fritura das fanecas da cea, co outro miras como vai o mundo, ou como nolo contan nos telexornais.
Pero hai trinta ou trinta e cinco anos eran moitos os fogares galegos que non dispoñían de tal aparello, así que o Un, dos, tres íase mirar ao bar, coa conseguinte mellora na caixa desa noite.
A comezos da década dos setenta pasados eu era estudante de bacharelato en Mondoñedo. Na casa onde paraba de luns a venres non había televisor, así que de cando en vez íamos ver os programas estelares á casa do Manxarín, veciño de ao lado segundo se tiraba cara aos Remedios.
Era unha estampa curiosa. Alí estaban o Manxarín e a súa muller, dignos de ser retratados por Cunqueiro en Xente de aquí e de acolá, os catro estudantes de bacharelato (debería dicir as, xa que tres eran rapazas) e o resto da tropa sentado en dous escanos, ao pe dunha lareira tradicional, mirando para un televisor noviño do trinque.
O lume era pouco, e cando non ardía amodo, o Manxarín sopraba nel a través dunha cana que el mesmo furara.
Cando íamos á casa do Manxarín vela televisión, a señora Carmen, a cociñeira da casa onde paraba (¡e vaia coa cociñeira!) preparábanos o corpo contra o intenso frío do inverno.
Poñía ao lume unha cazola con viño tinto e auga (¿ou eran viño e leite?), no que cocía o chocolate, engadindo ademais unha cullerada de manteiga, daquela manteiga de baluga, caseira, que compraba cada semana no mercado. Eu bebía aquel chocolate en viño (moi saboroso, pero algo forte) e de inmediato a fervedura chegábame á cara. Xa non pasaba frío en toda a noite.
Aquel chocolate en viño era o tal para este fríos días de novembro.
0 comentarios