Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

O SUSHI, CADA DÍA MÁIS FÁCIL

Aproveitando o festivo, hoxe cociñei sushi, que na miña casa gusta a todos. Sempre pensei que se trataba de algo abondo complicado ata que o fixen a primeira vez, descubrindo que é un prato sinxelo de cociñar, inda que para facer un bo surtido se manchen moitos pratos. Hoxe fixen “maki sushi” (roliños de arroz envoltos en alga “nori” e recheos) de espinacas con manteiga de cacahuete e sementes de sésamo, de cogombro (pepino) e de salmón afumado. Tamén fixen “niguiri sushi” (boliñas aplanadas de arroz cubertas dalgún peixe ou marisco) con gambas.

O máis complicado do prato é precisamente dar forma aos roliños do maki sushi e as porcións do niguiri sushi. No primeiro caso empregase unha pequena estera feita de paus de bambú atados entre eles, chamada “maki”. No segundo caso o único instrumento son a palma dunha man e os dedos índice e corazón da outra.

Iso na máis estrita tradición xaponesa. Pero xa se poden atopar en Galicia instrumentos modernos que simplifican o traballo. Trátase duns moldes de plástico, importados de Xapón, que fan roliños perfectos (e co recheo sempre no medio, cousa que eu non sempre consigo co maki) e tamén perfectas porcións de arroz para o niguiri. Xa non hai desculpa para non cociñar sushi na casa.

Os ingredientes imprescindibles para un sushi son:

- arroz glutinoso
- vinagre de arroz
- salsa de soia
- nori (alga laminada)
- azucre, sal
- wasabi (pasta picantísima de rabo xaponés, primo dos nabos galegos, polo que o aroma do wasabi lembra ao dos grelos)
- xenxibre encurtido
- recheo ao gusto.
Tódolos ingredientes precisos para o prato pódense atopar en Galicia en tendas especializadas, así como en Hipercor, El Corte Inglés e as tendas do gourmet destes grandes almacenes. Os moldes que facilitan o labor tamén se atopan nos mesmos lugares.

Máis tarde ou mañá explicarei como cocer o arroz e preparar o prato.

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres