UNHA OFERTA DISTINTA PARA FIN DE ANO
As páxinas dos xornais están xa cheas de anuncios das ceas de Noiteboa e, fundamentalmente, fin de ano. Ofertas con nomes rimbombantes nos que o título de cada prato ocupa varias liñas para, finalmente, rematar cunha sobremesa amarga: o prezo da festa.
Os coruñeses teñen este ano unha nova oferta, diferente de todo o habitual: sushi, sashimi, ensalada de lumbrigante cocido, tempura, pinchos de langostino e polo, magret de pato á prancha, foie á prancha. Despois unha sobremesa que non se especifica, café, viños das Rías Baixas e o inevitable Rioxa, cava catalán (ao carallo o boicot sen sentido)... todo por 53,45 euros.
A oferta corresponden ao novo restaurante xaponés aberto no centro de ocio do porto da Coruña.
Persoalmente a oferta paréceme interesante, afeccionado como son ás cociñas do mundo e, de maneira moi especial, á xaponesa. Pero o anuncio chama a atención por dúas cuestións:
1. O menú comeza xaponés, pero semella rematar francés, ou polo menos afrancesado, con ese magret e foie á prancha. Non me parece mal, so me sorprende.
2. O prezo anunciado é de 49,95 euros (as rebaixas non comezan ata xaneiro) que se incrementará co correspondente 7% de ive, resultando os 53,45 euros por persoa. Non me parece moito, pero paréceme que iso de poñer os impostos aparte é tratar ao cliente como se fora parvo.
Non coñezo o xaponés do porto da Coruña, así que non poido recomendalo.
0 comentarios