Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

COMPRAS EXÓTICAS

Sempre que vou a Madrid e teño un tempiño, visito algún supermercado oriental ou sudaméricano para mercar o que non atopo en Galicia. Desta volta merquei:

- Salsa hoisin. Un prebe chinés de fabas coloradas que se usa, por exemplo, co pato pekinés.
- Salsa de ostras.
- Vinagre para sushi. En Santiago tamén o atopo, pero custa exactamente o triplo.
- Papel de arroz vietnamita, comestible claro.
- Aceite de sésamo.
- Olivas doces. Unha especialidade chinesa. Trátase dunhas enormes olivas de cor verde claro moi intenso. A textura é semellante á das froitas confitadas. O sabor, doce e cun toque a balorecido, non gusta a todo o mundo.
- Pomelo chinés (shaddock). Un pomelo con forma de pera que pode pesar arredor de un quilo cada peza. Sabe a pomelo, pero é doce, inda que conserva un final lixeiramente agre.
- Tomate “bola”. Un intermedio entre o tomate normal e o “raff”, con prezo tamén intermedio. Pagueino a uns tres euros o quilo, algo máis caro que os normais. O raff estaba a 8,99 euros/quilo. O tomate bola é redondo e vermello, con zonas dun verde que tira a negro e un sabor que lembra aos tomates caseiros madurados na pranta.
- Pan de bono. Unha especialidade colombiana. Pan feito con fariña de iuca e queixo.
- Pan de coco. Tamén colombiano.
- Buñuelos. Outra especialidade colombiana, tamén con queixo e fariña de iuca, pero substancialmente diferente do pan de bono.

Xa menos exóticos, pero igualmente descoñecidos para a meirande parte dos galegos, merquei “zarajos”, unha especialidade de Cuenca consistente en tripas de cordeiro enroladas facendo unha madeixa.

E regaláronme un garfo, unha culler e unha espátula de madeira. Pero non os típicos garfos, culleres e espátulas de madeira que podemos atopar en calquera comercio, dende os máis elitistas ata os de todo a cen. Non. Son utensilios de cociña feitos á man con madeira de xesta por un artesán do Bierzo. Véndeos o afiador do mercado de Santa María de la Cabeza, naturalmente un paisano galego, a dous prezos diferentes: cinco euros para os amigos, dez para o resto da clientela. Merece a pena pagalos, xa que para cociñar non hai nada mellor.

E xa me esquecía. Tamén visitei unha das poucas latonerías que quedan en Madrid, ao pe mesmo da estación de Atocha. Merquei unha bolsa de rede para cocer os garavanzos todos ben xuntiños, sen ter que andar despois á súa caza de captura pola pota. Témome que esa foi a derradeira visita a esta tenda, rexentada por un home de idade avanzada que se resiste á xubilación mentres a familia insiste en que traspase o local, que seguramente acabará convertido nun ultramarinos rexido por un chino, que é o que agora se leva na zona.

0 comentarios