Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

VAIA PREZOS

Comentaba hai uns días sobre a exquisita calidade das navallas (coquinas) que se recollen na zona de Viveiro, Vicedo e Barqueiro, e das moitas que comín na nenez e adolescencia no almorzo do sábados en Ferreira do Valadouro. Escribo almorzo porque no Valadouro este é o nome que se da á comida do mediodía e non ó desaúno, como en boa parte de Galicia.
Esta semana tiven oportunidade de visitar a Estaca de Bares, precisamente o día que o mar de fondo causou abondos problemas en tantos portos galegos. Dende o semáforo de Bares o espectáculo da ría do Barqueiro e da illa Coelleira, azoutadas por olas xigantescas era marabilloso. E digo olas xigantescas porque o seu tamaño supera con moito a altura dun mercante que se atopaba fondeado no medio da ría, supoño que ó abrigo do temporal. Afortunadamente para o barco e os seus tripulantes as olas non chegaban onde se atopaban.
No antigo semáforo hai agora instalado un hoteliño e restaurante dende logo pintorescos e que, ó parecer, está tendo moito éxito, cousa que non é de estrañar dado o lugar onde se atopan e as belezas que ó visitante ofrecen as Rías Altas e a Mariña de Lugo. Comentounos o responsable do hotel que recibiran reservas ata de Finlandia.
Anque o restaurante estaba pechado, tiven curiosidade por ver a carta e o que nela ofrecen, con algúns pratos propios da zona, entre os que se atopan as mencionadas navallas. O malo é o prezo, derivado da escaseza deste marisco: no Semáforo de Bares a ración de navallas, de 300 gramos, custa 22 euros, pero se están ben cociñadas tamén pode un darse un capricho de cando en vez.

0 comentarios