Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

OS AROMAS DO KEBAB TURCO

OS AROMAS DO KEBAB TURCO Esta semana comín en Santiago un kebab supostamente turco, nun novo restaurante con especialidades deste país que abriu na capital de Galicia. Era un donner kebab, unha sucesión de bistés de cordeiro que se montan nun gran espeto e que se asan, verticalmente, nun aparello eléctrico construído para este uso.
Lamento non coñecer Turquía nin os usos e costumes tradicionais relacionados con este prato, xa que imaxino que antes de asar a carne nun aparello eléctrico o farían con brasas, cousa que me parece abondo complicada, xa que o espeto non deixa de dar voltas.
O cociñeiro corta finas lascas da parte exterior da enorme masa de carne que está no asador e o resto segue asándose. Agora empregan uns aparellos eléctricos que permiten sacar lascas moi finas e sempre iguais, que antes o corte facíase a coitelo.
A carne así cortada ponse derriba dun pan turco, pan de pita, no que tamén vai ensalada (leituga, tomate, cogombro) e un prebe feito principalmente de iogur. Péchase o pan e listo o kebab, que semella un bocadillo.
En Santiago servíronme a carne en prato, derriba dunha montaña de patacas fritidas e espolvoreadas de pemento doce (mágoa que eran patacas conxeladas como as de calquera establecemento de comida rápida) e a ensalada. Aceptable para unha comida rápida, pero non de tirar foguetes.
Xa dixen que non coñezo Turquía. Así que non me queda máis consolo que o kebab que serven no madrileño Ebla, un pequeno bar con especialidades orientais emprazado na rúa Martín de los Heros, fronte con fronte cos cines Renoir e moi próximo ós Alphaville. Mentres vivín en Madrid, e foron moitos anos, fun habitual destes cines e, ó mesmo tempo, do Ebla. Co bar aberto ou pechado, a calquera hora do día ou da noite que eu pasara por esa parte da rúa Martín de los Heros, sempre me paraba uns momentos na beirarrúa para disfrutar dos marabillosos aromas que saían do Ebla. Despois, se era momento, entraba a comer o meu kebab. Agora, cando vou a Madrid, se podo tamén fago a visita.
Esta semana comín kebab en Santiago, pero o restaurante, que se chama Istambul, non ulía coma o Ebla. Mágoa.

0 comentarios