Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

VIÑO QUENTE E CHOCOLATE EN VIÑO

VIÑO QUENTE E CHOCOLATE EN VIÑO

Leo nun xornal a nova de que na cidade rumana de Brasov meteron no corpo cinco toneladas de viño tinto fervido, que debe ser aproximadamente 5.000 litros de viño ou, o que é o mesmo, máis de 6.600 botellas de tres cuartos. O viño bebeuse quente e aromatizado con herbas aromáticas, pementa e canela, segundo é a tradición rumana, segundo indica o xornal.
Nada novo. O consumo de viño quente en Galicia ven de lonxe: mesturase viño tinto con azucre e canela e quéntase, operación que antes se facía nunha cazola e hoxe no microondas. Esta bebida, ben saborosa, quenta o corpo de maneira instantánea, polo que nas noites frías de inverno sempre foi un eficaz sistema de calefacción.
Nalgunhas zonas de Galicia, no mesmo viño mígase pan de rrigo ou millo, co que se obteñen as sopas de cabalo canso ou de burro canso, que as dúas dneominacións se empregan. Noutras partes da nosa terra as sopas de cabalo canso non son máis que pan mollado en viño, que eran o aperitivo habitual de meu avó quen, unha vez sentado á mesa servíase un vaso de viño no que mollaba un anaco de pan que comía de inmediato.
Dicía que o viño quente con azucre, con engadido de canela se gusta, era unha eficaz sistema de calefacción interna, pero non tanto coma o chocolate en viño, que probei en Mondoñedo cando estudaba alí o bacharelato, na década dos setenta. Cócese o chocolate nunha mestura de leite e viño tinto, e por derriba engádese unha cullerada de manteiga de vaca e azucre no caso de que o chocolate non o leve. O resultado é moi saboroso, pero resulta unha verdadeira bomba térmica, ideal para pasar a ola de frío polar.

0 comentarios