Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

EXCELENCIA E HOSTELERÍA

EXCELENCIA E HOSTELERÍA Nesto de comer e beber os galegos somos abondo creídos. O noso é o mellor: as mellores patacas, o mellor peixe, as mellores verduras, a mellor carne, o mellor marisco, o mellor viño... O noso é o mellor, menos o viño tinto, que preferimos o Rioxa, anque sexa de pasto, sobre algúns tintos galegos ben notables.
Pero semella que os hostaleiros, algúns hostaleiros, non comparten esta idea tan estendida entre os consumidores. Falo de que o noso sexa o mellor.

Parte dos hostaleiros galegos non son máis que afeccionados que, a falta doutra ocupación e dispoñendo de algo de diñeiro, montan un bar e pretenden facer diñeiro con el. E o primeiro diñeiro ven da man de certos provedores que, paradoxos da vida, pagan para que venda os seus produtos.

Sucede, por exemplo, coa cervexa. As marcas que pretenden introducirse no mercado pagan grandes cantidades ós bares que colocan as súas billas, cantidades que poden superar os 10.000 euros.

Desta maneira, nos últimos tempos, estamos a ver como nos bares galegos empezan a proliferar billas de cervexa de marcas que nunca tiveron presenza nin aprecio na nosa terra, e que a golpe de talonario tentan abrirse sitio nun mercado en expansión. Os hostaleiros que tal fan amosan máis interese polo diñeiro fácil que por ofrecer ós seus clientes a mellor calidade, e en materia de cervexa a galega supera calquera outra marca española que eu coñeza (a son abondas) e non ten nada que envexarlle a moitas celebridades europeas.

Mágoa que en Galicia so exista unha marca propia de cervexa e estas liñas semellen pura publicidade. Mágoa que moitos hostaleiros galegos nunca escoitaran falar do concepto de excelencia.

© Miguel Vila Pernas

0 comentarios