Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

VARIACIÓNS ARREDOR DA CAIPIRIÑA

Resulta curioso que varios países de iberoamérica compartan o gusto polo consumo dos seus augardentes nacionais mesturados con zume de limón e, se cadra, algún outro elemento secundario.

O ron cubano con limón e xeo resulta ser Daiquirí e con hortelá e auga con gas mojito. Con licor de laranxa e sal, margarita en México. O pisco andino tamén se prepara con limón e, naturalmente, a célebre caipiriña brasileña, que, modestia aparte, preparo estupendamente, anque cunha pequena modificación sobre a receita orixinal, para axeitala máis ós nosos gustos.

Comezamos cortando media lima en dez ou doce anacos, que poñemos no fondo dun vaso ancho, o típico de auga de toda a vida. Agregamos azucre ó gusto (eu poño dúas culleradiñas das di café) e esmagamos a lima coa man do almirez, tendo coidado de que estea ben lavada e non teña sabores ou cheiros, especialmente a allo. Esmagada a lima, agregase un chupito de cachaça, augardente brasileño de cana que se atopa facilmente en moitos supermercados galegos, e remexese ben para desfacer o azucre. So queda agregar xeo e disfrutar do intenso sabor desta bebida. Eu, ademais, agrego un pouco de auga (aproximadamente medio chupito) co que consigo que a bebida sexa menos forte, anque a cantidade de alcohol sexa a mesma, polo que hai que andar con ollo.

Calquera outra cousa que nos ofrezan como caipiriña, e nos bares galegos hai unha enorme variedade, non é caipiriña. No vale o limón normal nin moito menos os concentrados industriais de limón, como teño visto facer en Galicia.

Non vale máis licor que a cachaça. Así que para darlle carta de natureza as mistificacións que foron aparecendo co tempo, en Brasil déronlles nomes propios e á bebida preparada coa mesma receita pero con ron chamáronlle “caipirísima”, e se é con vodka “caipiroska”. Tamén lle poderán ofrecer unha caipiriña de tanxerina, na que a lima (limón galego en Brasil) cambiase por mandarina.

© Miguel Vila Pernas

0 comentarios