Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

TORTA DE MILLO CON PATÉ

Regresaba de Barcelona a Santiago de Compostela nun vo de Iberia hai preto de dous anos, cando xunto coa cervexa que pedín a azafata me ofreceu un pequeno bocadiño asépticamente presentado nunha caixiña de plástico.

Acepteino pensando que se trataba do tradicional e insípido bocadillo de xamón cocido das liás aéreas, pero levei a sorpresa de que era unha rebanda de pan de millo, lixeiramente doce, cuberta cunha pequena capa de paté. Probei aquela novidade e de novo chegou a sorpresa: excelente a mestura do sabor doce do pan de millo co salgado do paté.

Dende entón, cada vez que paso por Guitiriz merco unha torta de millo típica desta vila luguesa, e chegado á casa poño paté en rebandas delgadas da mesma. Resulta un canapé estupendo que sorprende a todo o mundo.

Sigo pensando se aquel pan de millo do avión non sería, tamén, torta de Guitiriz.

© Miguel Vila Pernas

0 comentarios