Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

AS CHULAS DA NOSA INFANCIA

AS CHULAS DA NOSA INFANCIA Por algún motivo tódalas datas destacadas no calendario teñen asociado o consumo de alimentos ou bebidas específicas que, moitas veces, están tan asociadas a esa época do ano que non volven á mesa ata pasados doce meses.
Chega a Semana Santa e chegan as torrixas a moitas mesas domésticas e tamén, como non, ós escaparates de confeiterías e cafeterías.

É ben certo que en moitas zonas de Galicia as torrixas xa aparecen no Antroido, pero noutras zonas da nosa terra, a semellanza do que sucede en boa parte do resto de España, as torrixas son practicamente exclusivas desta semana. Estas torrixas non son máis que pan remollado en leite (ou en viño tinto, como prefería Cunqueiro), pasado por ovo, fritido en aceite e espolvoreado de azucre e canela.

En Galicia temos unha receita tradicional moito máis orixinal, e para min máis saborosa, que emprega exactamente os mesmos ingredientes: as chulas.

Na Mariña de Lugo prepáranse as chulas con pan duro, que se pica en anacos ben pequenos (sen chegar a sen pan relado) e se mestura con ovos batidos. Ponse a tixola ó lume con aceite para fritir e, ó seu lado, unha cazola con leite, azucre e canela, tamén ó lume. A masa feita co pan picado e os ovos vaise fritindo a culleradas e, unha vez ben escorridas do aceite, póñense no leite, no que se deixan ferver un pouco. Así amañadas, as chulas pódense comer quentes, mornas ou frías, cada un ao seu gusto. Ponse unha ou dúas chulas, ou máis, no prato, e bótase algo do leite no que coceron, e cómense collendo coa culler un pouco de chula e un pouco de leite. Exquisitas.

Lembro ter lido, hai ben anos, unha entrevista ó escritor do Valadouro, Manuel Lourenzo, no que lle preguntaban sobre as cousas que botaba de menos: “as chulas que facía miña avoa” foi a súa resposta. Lamentablemente, non lembro ter visto esta sinxela e exquisita receita galega na carta de ningún restaurante nin no escaparate de ningunha pastelería.

© Miguel Vila Pernas



Artigo publicado en El progreso
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres