Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

XANTARES LITERARIOS

Neste mes de abril e organizados polo Pen Clube de Galicia, estanse a celebrar os primeiros Xantares Literarios, unha serie de sete xuntanzas de xornalista, escritores e poetas arredor das mesas dos sete restaurantes que compoñen o grupo Xantares, co obxectivo de falar sobre literatura e gastronomía, e a extensa presenza da primeira na segunda. As xuntanzas serven de pretexto para homenaxear a algunha das figuras claves da literatura galega, buscando sempre a súa relación co arte culinario.

Na xornada inaugural, como no podía ser doutra maneira, o homenaxeado foi o mestre e creador da literatura gastronómica galega e española do século XX: Álvaro Cunqueiro. Seu propio fillo, César, foi o encargado de lembrar a figura e a literatura do seu pai de maneira senlleira, anque eu non comparta moitas das cousas que ese día dixo no comedor do restaurante “Roberto”, moi preto de Santiago de Compostela.

O segundo dos Xantares tivo lugar en “Chef Rivera”, na vila de Padrón e, como non podía ser doutra maneira, os homenaxeados foron Rosalía de Castro e Camilo José Cela. A min tocoume explicar o porque desta homenaxe, xa que moitos pensarán que a relación de ambos escritores coa gastronomía non existen, especialmente no caso de Rosalía. En realidade tanto Rosalía como Cela tratan profusamente o tema culinario na súa obra.

Cando escribo estas liñas agardo o terceiro encontro, en Casa Alfredo, de Mos, dedicado a Jorge Víctor Sueiro, que nos deixou libros imprescindibles na biblioteca do afeccionado, tales como Comer en Galicia ou Cocina y vinos de Galicia. Entre os oradores desta xornada agardase ao director de El Progreso, Lois Caeiro, que tamén integra a nómina dos escritores gastronómicos galegos.

Despois virán as homenaxes a Xosé María Castroviejo, Antonio Odriozola, Ramón Otero Pedrayo, Xaquín Lorenzo Fernández, Julio Camba, Emilia Pardo Bazán e Manuel María Puga y Parga “Picadillo”, autores todos que deixaron fonda pegada na literatura gastronómica galega.

Para falar nada mellor ca unha mesa, así que os Xantares Literarios serven tamén de encontro entre xornalistas e escritores con algúns dos mellores cociñeiros de Galicia, que deleitan ós participantes coas súas mellores creacións. Na primeira xornada, Roberto deleitounos cun menú longo e estreito digno de mención. Pola súa parte, Chef Rivera presentou un menú degustación baseado na lamprea, unha das súas grandes especialidades. O menú de Casa Alfredo aínda é un segredo para min, pero a casa está especializada na cociña da caza, así que pode ser un indicio. Despois virán “Alameda 10” (Pontevedra), “Galileo” (Ourense), “Nixon”, (A Estrada) e “El Refugio” (Oleiros). Mágoa que ningún restaurante lucense estea integrado no grupo Xantares, o que nos priva, polo menos este ano, de realizar un Xantar Literario na provincia de Lugo, que tanto en restaurantes coma en escritores gastronómicos ten moito que ofrecer: Álvaro Cunqueiro, Jorge Víctor Sueiro, José Manuel Vilavella, Fausto Galdo, Lois Caeiro, Xavier Rodríguez Baixeras... ou son lugueses de nacemento ou teñen vencellos eternos coa provincia.

© Miguel Vila Pernas



Artigo publicado en El progreso

Máis sobre Xantares literarios

0 comentarios