Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

XANTARES LITERARIOS

XANTARES LITERARIOS Organizado polo Pen Clube de Galicia en colaboración co grupo de restaurantes Xantares, tivo lugar o primeiro encontro dos sete programados no ciclo Xantares Literarios.

A primeira cita, no restaurante Roberto, en Vedra, estivo dedicado a Álvaro Cunqueiro, cuxa figura foi glosada polo seu propio fillo, César Cunqueiro, para dar paso a unha emotiva intervención do xornalista, escritor e crítico gastronómico da Cadena Ser Joaquín Merino, que lembrou a literatura gastronómica de autores galegos como Cunqueiro, Julio Camba, José María Castroviejo e Jorge Víctor Sueiro.

Na sobremesa Bieito Iglesias procedeu á lectura de senllos poemas de Álvaro Cunqueiro e César Cunqueiro.

O segundo encontro dos Xantares Literarios terá lugar o próximo 8 de abril no restaurante Chef Rivera, de Padrón, e dedicarase a Rosalía de Castro e Camilo José Cela, ós que me corresponderá a honra de lembrar. Na mesa redonda “Escribir, ler, comer e beber” está prevista a intervención de Xavier Castro Pérez (Prof. da Universidade de Santiago), Ramón Chao (escritor), Xosé Luis Méndez Ferrin (escritor), Fátima Rodríguez (Prof. Univ. Toulouse II), Xavier R. Baixeras (escritor).

0 comentarios