Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

¿CÓMO DEMO SE FRITE UN OVO FRITO? (3)

Comeza polo principio. Capítulo 1

A cantidade de aceite necesaria para fritir un ovo de forma correcta depende do diámetro da tixola.
Precisaremos que o ovo, unha vez botado na tixola derriba do aceite quente quede medio cuberto polo mesmo, sen que chegue a estar somerxido de todo. Así pois, canto meirande sexa o diámetro da tixola maior será a cantidade de aceite que debe empregarse.

Resulta lóxico pensar, polo tanto, que canto menor sexa a tixola menor o gasto en aceite, que está moi caro. En realidade é así, pero por aforrar máis da conta corremos o risco de que o ovo fritido sexa un mal ovo fritido.
¿Cál é, pois, a norma para elixir o tamaño da tixola?. Moi fácil: a tixola debe ser algo máis grande que o diámetro do ovo unha vez cascado e botado no aceite.

¿Dixen fácil?. ¿Cómo se sabe o diámetro do ovo antes de cascalo?. A experiencia, que unhas veces é mai da ciencia e outras a persistencia no error, diranos cál é o diámetro apropiado. Mentres non sexamos expertos, o mellor é empregar unha tixola grandeira, como de unha cuarta ou máis, anque con iso gastemos máis aceite.

Temos xa o ovo cru, o aceite e a tixola. Precisamos un instrumento que nos permita botar aceite quente sobre o ovo. O máis indicado é unha espumadeira, pero hai quen emprega unha culler ou unha pa de madeira ou outros utensilios de cociña. Como pode verse, este utensilio, sendo necesario, pode poñerse na lista dos accesorios.

Tamén é accesorio o emprego de sal. Normalmente a todos nos gusta o ovo fritido salgado, ou lixeiramente salgado, pero en casos de réxime o sal, lonxe de ser un ingrediente accesorio pode converterse nun produto prohibido.

Necesitamos tamén dispoñer dunha fonte de calor, de intensidade suficiente que quente o aceite e permita fritir o ovo. O máis indicado é unha cociña, que pode ser de gas, eléctrica, de leña ou de carbón... pero en caso de necesidade tampouco pasa nada por fritir o ovo cun soprete de fontaneiro, especialidade que, por outra parte, non está recollida nos principais tratados de gastronomía e cocina.

(continúa...)

© Miguel Vila Pernas

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres

0 comentarios

¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres