Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

DE VIÑOS CON ANGELINA JOLIE

Teñen os madrileños un curioso costume que chama a atención dos etnógrafos e viaxeiros procedentes doutras culturas: saír de cañas cos amigos (eu sei algo do asunto, que para algo vivín no foro 18 anos). Xúntanse varios colega e van de bar en bar, bebendo vasos de cervexa (que chaman cañas cando debería dicir cañas de cervexa, xa que caña é o vaso, non o contido). Para acompañar a cervexa os madrileños comen pequenas porcións de tortilla de pataca, boqueróns en vinagre, olivas, gambas, luras fritidas, e cousas polo estilo nos sitios de altura. Nas tabernas máis populares a cervexa resulta máis barata, pero a tapa, que así se chama esa pequena porción de alimento, non vai máis aló dun pouco de sangue cocido, uns anacos de patacas acabadas de fritir con sal como todo adobo...

Centro esta descrición en Madrid por poñerlle un lugar xeográfico á cousa, pero o acontecemento repítese en moitos outros lugares de España. En Galicia non.

En Galicia xúntanse os amigos para saír tomar uns viños. O que si se repite entre nos é o costume de comer as tapas, inda que o contido das mesmas sexa abondo diferente que en Madrid.

Xa notarían un algo de coña na maneira de contar o conto. É que non me parece serio que un ano máis nos veñan coa coña das enquisas sobre o consumo de cervexa e sobre os personaxes con que nos iríamos de cañas. A enquisa publicada nalgúns xornais di que os galegos iríamos de cañas con Zapatero e Fraga, por ese orden. Mágoa que non preguntaran con quen iríamos tomar uns viños, que a min, se me dan a escoller, prefiro a Angelina Jolie. A miña muller non, ela prefire a Mel Gibson. Cousas das enquisas.

Pero ao final os galegos saímos tomar algo cos amigos, e no meu círculo de amizades non está ningún dos catro personaxes citados. O que xa non é tan seguro e o que bebemos os galegos. Polo menos non parecen estar moi seguros os autores da enquisa. O xornal di que o 31% prefire a cervexa, seguida dos refrescos de cola (19%) e dos de limón (9%).

Como eses datos, referidos a Galicia, me parecen máis falsos que os billetes de 37,50 pido que me manden a información completa. Sorpresa: este ano so se fixo unha enquisa sobre a compaña preferida, pero non sobre a bebida. Os datos sobre o dominio da cervexa nos nosos gustos son do ano pasado, segundo me din, inda que os que me remiten están datados en agosto de 2003.

O informe confirma os datos que recollín unhas liñas antes e engade que o cuarto lugar está ocupado polo viño (7%). Se non me equivoco isto supón que por cada galego que toma viño no aperitivo, hai catro que beben refrescos de cola ou limón e cinco que beben cervexa. Mentres, o Ministerio de Agricultura asegura que o consumo de viño en Galicia duplica ao de cervexa, polo que so nos queda deducir que nas comidas e fora do aperitivo os galegos dámoslle ao morapio de maneira desaforada.

Polo que respecta ás tapas, a enquisa di que o 36% por cento dos galegos prefiren a tortilla de patacas, seguida das olivas e a ensaladilla. Despois veñen o xamón, chourizo e lomo, os tres metidos nun saco, as luras á romana e así ata un total de 19 especialidades tan galegas como as gambas ao alliño, as rabas, o peixe frito (supoño que será pescaíto andalú) e outros. Como a porcentaxe máis baixa dos 19 produtos da lista corresponde ás anchoas e ás patacas bravas, cun mísero 1% en cada caso, supoño que a empanada, os callos, a zorza, a orella, e outros produtos non están presentes porque aos galegos non nos gustan, o que demostra a tremenda equivocación dos nosos hostaleiros, que se empeñan en poñernos callos cando preferimos, poñamos por caso, rabas. Afortunadamente, entre os 19 produtos está o polbo á feira, que prefire o 2 por cento dos enquisados.

¿Recoñécense vostedes nestes resultados ou, coma min, pensan que nos están tomando de coña?. Aseguran os responsables do traballo que fixeron 1.700 consultas en toda España (por poboación a Galicia correspóndenlle arredor de 100), pero eu estou por crer que tampouco isto é certo. Claro que sempre cabe a posibilidade de que preguntaran a cen galegos residentes en Madrid cando andaban de cañas. Entón si, os resultados sería fiables e eu non tería razón para, unha vez máis, comportarme coma un destripa enquisas cabreado.

Esquecíame de dicir que a enquisa foi feita por encargo dunha asociación de cervexeiros españois. E tamén que eu comezo bebendo cervexa cando salgo cos amigos.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

0 comentarios