Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

BOTELO E ANDROLLA

Poderían os da Fonsagrada ou os de Navia de Suarna facer unha misión comercial gastronómica a Andorra para ilustrar ó presidente do goberno do Principado nas exquisiteces dos embutidos propios da montaña luguesa e dunha boa parte da provincia de Ourense. Falo de botelos e androllas, que nestes días anda de festa nas dúas localidades citadas.
O pasado 30 de xaneiro, o mesmo día en que A Fonsagrada celebraba a súa festa do botelo, o presidente andorrano pronunciaba en Lalín o pregón da festa do cocido, a máis antiga e probablemente a máis coñecida de cantas festas gastronómicas se celebran na nosa terra. Marc Forné, que así se chama o máximo responsable do goberno do país pirenaico, deu no seu pregón mostras do amplo coñecemento que ten charcutería catalana e o pouco que sabe sobre o mesmo respecto de Galicia. Forné mentou un embutido catalán, con nome que non lembro, que comparou co exquisito botillo de vuestros vecinos del Bierzo. Evidentemente nin Forné nin os seus asesores teñen que ser grandes expertos en gastronomía galega, polo que a misión que propoño ás xentes da Fonsagrada e Navia de Suarna pode obter excelentes resultados. Por certo, que Navia celebra a festa da androlla o próximo 6 de febreiro, é dicir, o domingo que ven.

© Miguel Vila Pernas

0 comentarios