Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

DEGUSTACIÓN DE CARNE DE POTRO

A rapa das bestas de Candaoso, nos montes de Boimente (viveiro) ofrecerá este ano unha degustación gratuíta de carne de potro, un producto que en países como Francia acada un aprecio e un prezo superior ao do vacún, e que en Galicia, en prácticamente en toda España, goza de pouca estima por parte dos consumidores. Peor para eles.

Candaoso ven unirse á veciña Muras, onde cada ano se dedica unha festa á degustación desta carne, a pesar do cal o consumo da mesma é moi escaso en Galicia, que pola contra ten condicións para ser un gran productor da mesma.

Do potro sácanse pezas destinadas a bistés e costeletas para fritir ou asar, costelas para o churrasco e pezas para guisar. A min gústame especialmente a carne de potro guisada cun adobo de allo e sal, dourada en aceite de oliva, no que tamén se douran unhas cebolas xunto coa carne, co engadido de algo de viño branco e, se cadra, unhas frebas de azafrán. O guiso lembra a carne de caza, especialmente cando se trata de carne de potros criados en libertade nos montes galegos.

A carne de potro é a máis tenra de cantas carnes se destinan ao consumo humano, a mellor fonte de ferro (excepción feita do fígado e outros despoxos), con menor contido en graxa que o vacún. Unha delicia que en Galicia nos resistimos a aceptar plenamente.

Unha advertencia: o cabalo, coma o porco, pode trasnmitir a triquinose, polo que resulta imprescindible mercar carne que ofreza tódalas garantías sanitarias e non consumir nunca esta carne crúa ou pouco cociñada.

+ A exquisita cecina de cabalo

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

0 comentarios