Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

O ANTOXO DO MARISCAL

Os cabaleiros do Mariscal, noso señor Pedro Pardo de Cela, cabalgan de novo polas terras do Valadouro e o resto das súas posesión na Mariña lucense. Este domingo, na torre do castelo do Castro, tres novos cabaleiros ingresaron na Orden, así como unha Dona de Isabel de Castro, orden na que hai un ano ingresaba tamén a presidenta do grupo El Progreso.

Este é o terceiro ano que se celebra o Día do Mariscal, despois de que fora instituído pola asociación cultural O Mundo de Galea, asociación que xunta a xentes do Valadouro (Alfoz e Ferreira), Mondoñedo, Foz... arredor da fascinación polo proxecto turistíco-cultural que lidera Emilio Méndez na Finca Galea, seguramente a máis singular de tódolas iniciativas de turismo rural que botaron a andar en Galicia. Galea, emprazada aos pes do castelo do Castro e a unha carreiriña de can da casa onde foi prendido o Mariscal, xa é máis coñecida polo seu museo da auga e polas actividades culturais e rurais que alí se desenvolven, que pola súa vertente de pazo de turismo rural. Hai quen di que Emilio está algo tolo, e pode que razón non lles falte, sempre que entendamos a súa tolemia como unha das belas artes.

A investidura como Cabaleiro do Mariscal ou como Dona de Isabel de Castro obriga a prantar un castaño no Bosque do Mariscal, nun lugar privilexiado de Galea, ao rente das augas do río Ouro, que alimentan o lago existente na finca. E tamén debería ser obriga dos membros da Orde a difusión e defensa dunha das creacións máis singulares da asociación cultural: O Antoxo do Mariscal.

É este Antoxo unha torta creada polo meu amigo José Manuel (xa escribín aquí das súas empanadas de roxós), pastelerio de Ferreira, que empregou para eso os produtos propios da terra, que sen dúbida alimentaron ao propio Pardo de Cela e a súa xente: mel, fariña, noces, ovos e augardente, porque tamén no Valadouro se cultivou a vide e se fixo viño, ata que a filoxera acabou con este cultivo na antiga provincia de Mondoñedo. Quédanme dúbidas sobre se a canela sería de uso habitual na casa de Pardo de Cela, pero perdoo a dúbida histórica polo ben que lle vai á torta.

O Antoxo do Mariscal é sobremesa obrigada nas comidas que seguen aos actos de O Mundo de Galea, colleitando máis aprobacións que rexeitamentos, baseados estes na secura do doce, secura que sería de fácil arreglo: basta servir co Antoxo un vasiño de viño doce, acompañante perfecto para calquera doce, e máis se este se trata dun biscoito. A perfección sería servir co Antoxo un tostado do Ribeiro, viño antigo, apreciado polos ingleses e desgraciadamente desaparecido, inda que as experiencias que están a levar en Ribadavia alentan a esperanza de que esa ambrosía volva aos nosos mercados. Mais como aínda non temos tostado, non sería mal asunto poñer co Antoxo un viño do Porto ou un Pedro Ximénez, que tampouco son mancos. Os comensais habían agradecelo seguro.

Artito publicado en El Progreso o 30-8-2005

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

0 comentarios