Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

O MAGOSTO

Luis Amado Carballo

(En O Galo. 1928)

No serán agoniante
-bandadas de ceibes pombas-
van alalás pol-o ceo
en procesión rumorosa.
O día ferido
sangra en col da ría
un roxo sospiro.
Na fogueira dos magostos
queimárase un auturuxo
que se caíra das nubens
abafado pol-o fumo.
Outono frieiro.
Ollos amarelos
que choran no vento.
Saloucan lentas campanas
baixo o ceo neboento
cantando o dor da paisaxe,
o planto do sol funéreo.
Lembranzas dos mortos
sementan na terra
coroas de ouro.
Ou ourizos arregañan
os dentes cor de caoba,
nas puas dos seus cabelos
reverdece unha luz nova.
A noite marmórea
tende as suas azas
de tebras bafosas.

0 comentarios