Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

FIGOS CON XAMÓN

Na Amaia, onde vivo, pérdense cada ano centos de quilos de figos que podrecen no chan, ao pe das figueiras.

Neste comezo de outubro os chamados migueliños están espléndidos.

Os figos fan unha excelente sobremesa ou unha estupenda merenda, pero non e este o único uso que se pode facer deles.

Lembro un artigo de Cunqueiro (lamento non ser capaz de identificalo de memoria) no que o mestre de Mondoñedo explicaba como lle gustaba comer os figos ben maduros acompañados de camaróns, gambas ou langostinos. A mestura dos sabores doce e salgado resulta sorprendente e moi agradable.

Tamén podemos comer os figos con xamón. Eu corto os figos a metade e, cunha culleriña, saco todo o interior da froita, eliminando a pel, sempre áspera.

Ponse no medio dun prato o contido de tres, catro, seis figos, segundo o tamaño dos mesmos. Derriba ponse xamón curado cortado en lascas finiñas e picado en anacos pequenos. Ponse tamén un chisquiño de cebola ou cebolin ben picado. Sazonase a mestura cun bo aceite de oliva e sérvese de primeiro prato. Asegúrolles o éxito.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

0 comentarios