Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

ALA, AO PEIXE GORDO

O 17 de decembro de 2000, no cabodano da morte do Mariscal Pedro Pardo de Cela, o Consello Europeo decidía que tódolos cidadáns da Unión Europea tiñamos dereito a saber que peixe comemos e cal e a súa procedencia.

Estou ben seguro de que o Mariscal comeu e gustou das exquisitas troitas do Valadouro, dos inmensos (pola calidade) reos que remontaban o Ouro ou o Masma polas terras de Foz, e os nunca suficientemente apreciados peixes do noso Cantábrico, mar ao que eu cualifico de Océano, por que me peta e porque así sinto a súa forza creadora-destructora.

Pero hoxe non toca escribir de historias medievais, senón das cousas do século XXI.

Despois das disposicións europeas de 2000, a protección dos consumidores en materia de información sobre o peixe que mercamos pasou a lexislación española en senllos decretos de 2002 e 2004, que regulan os produtos da pesca conxelados, no primeiro caso, e os frescos, refrixerados e cocidos no segundo.

O caso e que segundo a lexislación, cando vostede vai a peixería debe atoparse con etiquetas ou esas táboas que se chantan no xeo e no que se indica o prezo, con información perfectamente detallada. As etiquetas ou táboas deben indicar o nome comercial da especie, método de produción (pesca extractiva, pesca en augas doces, cría, acuicultura ou marisqueo). Tamén han indicar a forma de presentación (eviscerado, con cabeza, fileteado, cocido, desconxelado...). Os produtos conxelados indicarán ademais este feito.

Eu poucas veces atopo que as devanditas táboas conteñan toda a información que teño dereito a recibir. Xa, xa sei que ao peixeiro cústalle abondo traballo prepara cada día esas táboas. Non máis que o que me custa a min gañar o diñeiro con que pagar o peixe.

Parece que a lexislación está ben, pero a súa aplicación falla estrepitosamente e por eso o Ministerio de Agricultura inicia, unha vez máis, unha campaña informativa sobre estes dereitos do c onsumidor. Semella que seguimos nos tempos en que Teolindo vendía o peixe polas vilas da Mariña na súa furgoneta. Claro que el polo menos lle poñía graza ao seu pregón: “Hai sardiña, hai chicharro, hai congro... ¡ala, ao peixe gordo!”.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

0 comentarios