Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

MÁIS TINTOS GALEGOS

O Sindicato Labrego Galego considera “colonialista” e de “desprezo ao viños galegos” a actitude da Xunta de Galicia na visita do presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero, o pasado 3 de outubro, xa que na comida oficial serviuse viño tinto da Rioxa no canto de tintos galegos.

E ben certo, como di o SLG, que en Galicia contamos con tintos excelentes, premiados en certames internacionais, e que non teñen nada que envexarlle a algúns Rioxas.

Pero non é menos certo que o común dos galegos non aprecia no que valen eses viños, pode que descoñecemento e tamén pode que dito descoñecemento sexa debido ao prezo dos viños galegos. Polo mesmo prezo non resulta doado atopar tintos galegos de calidade equiparable cos da Rioxa.

Isto tradúcese en que os restaurantes ofrecen media ducia de viños alleos a nos por cada tinto galego que inclúen na carta. No casos de bares e cafeterías o panorama acostuma ser peor, non resultando raro que os únicos tintos que nos ofrecen neste establecementos sexa viño da Rioxa.

Galicia conta con tintos espléndidos, especialmente para quen, coma min, gusta especialmente de viños xóvenes. Neste apartado moitos tintos da Ribeira Sacra non teñen competencia posible. Pero é preciso conseguir que os galegos coñezan e recoñezan esa excelencia, e estean dispostos a pagar un pouco máis polos nosos propios viños. So entón conseguiremos que os tintos galegos teñan en bares e restaurantes a mesma presenza e aceptación que xa teñen os brancos. Despois acabarán chegando ás nosas casas... e ata aos banquetes oficiais.

0 comentarios