Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

ARENQUES E CASTAÑAS

Dos meus primeiros días en Ferreira lembro moi ben o moito que me amolaba que me chamaran o cubanito. Con aquelas palabras a xente non facía máis que poñer patente unha realidade da que me sinto especialmente orgulloso: a miña cubanía, que paseo por alí onde estou, o mesmo que a miña galeguidade. Dúas condicións sagradas. Pero aquel epíteto que me dedicaba a xente molestábame porque me facía sentir diferente do resto dos nenos da vila, cando eu quería ser un máis deles.

Tamén lembro daqueles tempos e dos anos seguintes o descubrimento dun mundo novo, especialmente no referido ás cousas do comer. En Ferreira non había o pollito frito que constituía un dos meus alimentos preferidos na miña Habana natal e que co paso do tempo souben que non era tal pito, senón ancas de ra, unha variedade propia do Caribe, a ra toro, cuns zancos tan grandes que fritos semellan ás de pito.

De neno en Ferreira descubrín o caldo, que tardei longo tempo en aceptar de bo grado e que agora reverencio. E atopei unha das esencias da gastronomía galega, esencia que se atopa en franca decadencia entre nos malia o enorme aprecio que ten noutros países: a castaña.

Entón gustábanme especialmente as castañas asadas e menos as cocidas, posiblemente porque as primeiras me resultaban máis fáciles de pelar e comer que as segundas. Pode que por un atavismo infantil agora cando quero empregar castañas cocidas nalgunha receita recorro sempre ás excelentes castañas cocidas que poñen en lata un par de empresas conserveiras ourensáns.

Xa, xa sei que detrás deste costume tamén hai algo de vaguería, pero asegúrolles que tales castañas en lata son estupendas e as máis gordas que se poidan imaxinar. Se non o cren, preguntenlle a ese amigo meu de Ferreira e á súa muller, aos que lles traía as latas de castañas de Madrid, cando non se atopaban nos supermercados galegos por moito que foran un produto de Ourense, para darse grandes ceas de castañas con leite.

Este costume de comer as castañas cocidas con leite e azucre foi moito do Valadouro, inda que non exclusivo da nosa terra, xa que da mesma maneira se consumen as castañas noutros lugares de Galicia. Penso que xa son poucas as familias nas que esta cea tradicional sexa algo máis que esporádica nas noites de outono e inverno.

No “Picadillo”, unha das biblias gastronómicas galegas, hai unha receita de castañas en leite, algo diferente da que eu coñecín en Ferreira. Picadillo indica que hai que pelar as castañas e poñelas a cocer en auga con fiúncho, escorréndoas cando estean a medio cocer, para pasalas a outra pota e acabar de cocelas con leite, e finalmente deixalas arrefriar antes de comelas.

Outro xeito de comer as castañas cocidas que recordo da miña infancia, e que de cando en vez practico, é acompañada de arenques salgados.

Na miña casa poñíanse as castañas nunha fonte e os arenques noutra e cada un servíase o que quería. Os adultos collían un anaco de papel de estraza no que envolvían un arenque ao que, de seguido, lle daban un bo golpe coa man, de maneira que a meirande parte da pel e escamas do peixe quedaban pegados no papel. De seguido comíase a carne do peixe acompañada das castañas, que suavizaban os excesos salgados do arenque.

Os pequenos, que non tiñamos forza abondo na man para golpear o arenque non permitíamos que os maiores fixeran por nos ese traballo. Con paciencia envolvíamos o noso peixe no papel de estraza e, con moito coidado, poñíamolo no borde da porta da cociña, preto das bisagras, e empregabamos a forza da mesma ao pecharse. Sen sabelo, estabamos empregando o principio da palanca que tanto nos daría que estudar despois na escola.

Os arenques son outro deses manxares que están en franca decadencia. No meu maxín sempre irá asociados aos Lobos ou á casa de Orencio, no Pazo de A Laxe, onde mercaba miña aboa da Lavandeira, ou a casa de Ramón Blanco, onde mercaba miña mai. Precisamente a este tendeiro da Ponte referíase un veciño do Valadouro cando quería expresar graficamente as penurias que algúns pasaron despois da guerra civil e a fortuna que sorriu a outros, inda que fora na emigración cubana. “Ramón Blanco come dous arenques para abrir o apetito –dicía- e eu con un teño que pechalo”.

Xa non hai arenques coma os de entón, nin as castañas saben igual. Tamén pode ser que nos imos facendo vellos e lembramos cunha mestura de envexa e tenrura os anos distantes da infancia.

Agora vou rematar, para apuntar na miña axenda, antes de esquecerme: “mercar arenques e castañas”.

0 comentarios