Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

PARA O QUE VAI A APROVEITAR...

A mesa parecía unha multinacional do xornalismo. Sentados á mesma profesionais de tódolos países da entón Comunidade Económica Europea, composta por doce países. Tamén había representantes dun bo número de membros da Commonwhealt, xa que a comida tiña lugar con motivo dunhas xornadas agrarias celebradas na universidade inglesa de Warick.

Serviron a mesa e alguén desexou ao resto de comensais un “bo proveito”, o iniciativa que serviu para iniciar unha rolda de intervencións na que cadaquén expresou ese mesmo desexo na maneira propia do país de orixe.

Ata que chegou o momento de intervir a un xornalista inglés, xubilado do servizo en español da BBC, sentado ao meu rente. Mirando para min, que o precedera na intervención, dixo nun correcto español: “os ingleses cando imos beber decimos “chers”, pero cando imos comer non dicimos nada... total, xa sabemos que non nos vai aproveitar”.

Agora un coñecido profesional inglés da restauración di que a comida do seu país é unha bazofia.

Certamente, non é Gran Bretaña o mellor lugar para disfrutar da gastronomía, pero penso que os dous esaxeran un pouco.
Mesmo naquela comida de xornalistas nos serviron un cordeiro delicioso, que xa é moito dicir para quen, coma min, non da un chico por esa carne. Tamén dispoñen os ingleses de estupendos pratos de caza e dunha das mellores reposterías que teña probado.

Non é, xa o dixen, Gran Bretaña o paraíso do gastrónomo, pero seguro que hai lugares moito peores para comer. Ademais, os ingleses inventaron o gin tonic, cousa pola que xa merecen un respecto no ámbito culinario.

0 comentarios