MÁIS OURIZOS
Ando esta tempada cos ourizos na cabeza, e pode que sexa algo de remordemento por non ter mercado uns que me ofreceron hai uns días no mercado. Eran uns ourizos grandes, de cor morada, cun aspecto espléndido e un prezo do máis axeitado. Debín mercalos.
O caso é que ando con eles na cabeza e busco algunha información sobre os usos e costumes ao respecto deste marisco en Galicia. Sorpréndeme non atopar nada, unicamente unha pequena referencia aos mesmos no Ensayo de una historia de los peces de Xosé Cornide, publicado en 1788.
Alí Cornide indica que tamén son coñecidos como botones de mar e sobre o aspecto culinario unicamente di su carne se suele comer, aunque tiene poca estimación. Acabouse.
Cunqueiro esqueceuse deles, o mesmo que o fixo Picadillo. Non fun quen de atopar unha receita para os ourizos en ningún dos libros de cociña galega que teño na casa... ¡Ostras pedrín, tampouco nos outros!.
Ao final dou cunha receita ¡xaponesa! no libro de Hideo Dekura Sushi, sashimi, teriyaki & tempura: ourizos de mar ao vapor con sake:
Ábrense os ourizos, sácanse ás gónadas e lávanse os caparazóns, que se volven reencher con shiitake (cogomelos tipicamente xaponeses), brotes de bambú cocidos e os ourizos, mollando o conxunto con sake (viño de arroz).
De seguido póñense nunha cazola con algo de auga fervendo e cócense 20 minutos. Sérvense cun adorno de kinome (follas tenras de freixo) acompañados cun prebe feito con salsa de soia e mirin (vinagre doce de arroz). Os ingredientes poden atoparse todos en tendas galegas.
E como no comer os galegos somos abondo máis prosaicos que os xaponeses, seguro que podemos prescindir das follas do freixo.
1 comentario
Plattdorf -
Para min os ourizos forman parten dos sabores da infancia. Son absolutamente deliciosos, sen dúbida. Sempre comiamos os que ía apañar miña nai na ribeira, preparados da mesma maneira: cocidos e punto. Pero a diferenza doutros mariscos, sempre os acampañamos con pan. De todos os xeitos, tamén hai quen os come crus.
Adoitamos comelos fóra, sacándoos directamente da pota para que non arrefríen, porque ao cascalos co macico poden manchar bastante.
Agora cómense menos porque non podes ir apañalos á ribeira sen permiso e compralos..., non sei que dá. ;-)
Outra cousa, a min paréceme que aínda non estamos no tempo deles. Segundo o que teño escoitado sempre, o mellor momento para collelos son as mareas vivas da época de San Xosé ou a Semana Santa.
E estou falando do concello de Oleiros, ría da Coruña.