Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

QUEIXOS DE ARZÚA

QUEIXOS DE ARZÚA O domingo visitei a festa do queixo de Arzúa, na que nunca estivera, e volvín sorprendido pola gran oferta que alí atopei, en cantidade e en calidade. Dunha banda, as fábricas semiindustriais da zona, que en realidade son queixerías artesanais nas que o emprego de tecnoloxía moderna permite estandarizar o produto. A representación das mesmas era importante, estando presentes non so as da zona de Arzúa, senón tamén algunhas de preto de Compostela e outras da zona de San Simón da Costa, no concello lucense de Vilalba.

Doutra banda, una importante oferta de queixos caseiros, nos que se podía atopar dende queixo fresco, seguramente do día anterior, ata queixos máis ou menos madurados e os prestixiosos queixos de nabiza de un ano, curados, duros, e exquisitos. Os produtores caseiros ofertaban dende queixos curados tan diminutos que non teñen máis aló de dous ou tres bocados, ata grandes queixos de tetilla de moi pouca curación e que podían superar os dous quilogramos de peso.

Entre as queixerías artesanais destacaba a que presentaba queixos curados da propia Arzúa. Trátase de pezas de varios quilogramos, que se vendían ó corte. Un queixo notable, de pasta dura pero non seca, como pasa en ocasións coas pezas moi curadas. De sabor forte pero non excesivo, lixeiramente picante. Casaba á perfección co mencía da Ribeira Sacra que nos ofreceron para acompañalo.

Volvín de Arzúa cun queixo caseiro fresco, que é a lambetada preferida pola miña dona, e outro xa maduro, pura manteiga. Na parte das queixerías artesanais mercamos un anaco do curado a que xa fixen referencia e un San Simón da queixería máis premiada da denominación de orixe, que xa recibiu varios premios nacionais ó mellor queixo artesán de España.

Tamén probamos o queixo de nabiza curado, caseiro, que estaba excelente.
Dende logo, resulta unha feira recomendable para tódolos afeccionados ó queixo galego. Descubrirán que os queixos de tetilla que se comercializan baixo a denominación de orixe non son o máis destacado da zona de Arzúa e arredores.

© Miguel Vila Pernas

0 comentarios