Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

UN BO MOJITO

Cada vez é máis común atopar nas nosas vilas e cidades bares e “pubs” nos que xunto cos combinados habituais nos ofrecen cócteles famosos en medio mundo. Normalmente o mojito cubano e a caipiriña brasileña son as estrelas deste tipo de locais. Normalmente tamén o que nos ofrecen carece dun mínimo de calidade, tanto na súa preparación como nos elementos empregados.
Da Caipiriña e as súas variacións xa escribimos no seu momento, polo que hoxe imos centrarnos no máis coñecido dos cócteles cubanos: o mojito. Esqueza calquera trangallada que lle poidan contar sobre a posible invención norteamericana do preparado (o sentimento de inferioridade dos veciños do norte respecto de Cuba manifestase en moitas ocasións tentando quitarlle aos cubanos todo aquilo que os identifica, e acabarán ata reivindicando a Fidel Castro). Esqueza, pois, as trangalladas e céntrese na preparación dun bo mojito. A poder ser esqueza tamén a meirande parte dos combinados que lle teñan servido por aí adiante.

Para preparar un bo mojito precisa un bo ron cubano (o máis accesible aquí é Havana Club, mellor de 3 anos), unhas ramas de cecimbre (herba boa), azucre, zume de limón, auga con gas e unhas pedras de xeo. O vaso orixinal do mojito é un vaso de tubo algo máis curto que os que empregamos aquí para o cubalibre. Así que imos empregar un vaso de tubo normal e corrente (nunca eses horrores estreitísimos e altísimos que se levan ultimamente en moitos bares).

Comezamos espremendo o limón. Botamos no fondo do vaso unhas pingas do seu zume (encher o canto dun peso no fondo do vaso), unha ou dúas culleradiñas de azucre (aí cadaquén debe atopar o punto que máis lle guste) e unhas follas de cecimbre. Cunha culler remexemos tódolos ingredientes, procurando esmagar algo as follas de herbaboa.

De seguido engadimos un chupito de ron e remexemos de novo. Hai que tentar que o azucre se desfaga case todo. Poñemos entón unhas pedras de xeo e agregamos auga mineral con gas. Se empregamos vasos de tubo normais hai que deixar un par de dedos se encher. Remexemos por última vez os ingredientes e servimos de seguido.

Calquera cousa que lle preparen doutra maneira non é un mojito. Rexeite ron que non sexa cubano e, principalmente, impida que lle preparen o mojito con ron dourado. Bote a correr se lle preparan o mojito con herbaboa seca, de bote (a min puxéronmo así nunha suposta “festa do mojito”. E non deixe que lle poñan xeo picado senón en pedras. E faiga que a auga mineral sexa con gas (tamén vale sifón, pero cada vez vense menos).

Se o caldo galego é unha preparación perfecta e non o mellora o ketchup, o mojito non ten porque levar caralladas. Palabra de cubano-galego.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

0 comentarios