Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

¿CÓMO DEMO SE FRITE UN OVO FRITO? ( 6 e fin))

Comeza polo principio. Capítulo 1

Nesta parte segunda necesitarán leite, un vaso. Un vaso de leite, vaia. O leite era un produto que en tempos daban as vacas, falo do leite de vaca, claro está. Agora as vacas xa no dan nada, que o venden. Vale, véndeo o propietario da vaca, pero o resultado para o consumidor é o mesmo: hai que pagalo. Págase normalmente na caixa do supermercado, onde mercamos o leite en caixas. Vaia lío.

Necesitamos tamén fariña, unha cullerada. A fariña antes mercábase no muíño ou na tafona. Hoxe tamén se merca no supermercado. Quédanos o consolo de que agora, coma antes, a fariña véndese en cartuchos de papel.

Necesitamos outra vez aceite. Unha cullerada por un lado e aceite abundante para fritir por outro. Sobre a calidade do aceite remitimos ao lector ao dito cando tratábamos dos ingredientes para fritir un ovo.

De novo aparece o sal, unha vez máis como ingrediente accesorio, que cada un deberá empregar en función do seu gusto e da súa conciencia.

TÉCNICA SEGUNDA.

Supoñemos que xa está o ovo frito e reservado nun prato, así que non imos a volver sobre ese asunto.
Poñemos unha cazola pequena ao lume cunha cullerada de aceite. Cando estea quente, agregamos a fariña e revolvemos ben, deixando que a fariña se frita un pouco. Conseguiremos unha masa dura que se separa da tixola.

Agregar o leite revolvendo a mestura sen parar, a lume lento, ata conseguir unha masa uniforme e sen grumos.
Retirar a tixola do lume e volcar esta masa ou bechamel nun pato fondo. Cando estea morna, cubrir o ovo frito coa mesma. De inmediato pásase este ovo cuberto de bechamel por outro ovo batido e por pan relado e frítese en aceite abundante e ben quente ata que quede dourado.

Servir inmediatamente co acompañamento que máis lle guste a cada un e...

¡Que aproveite!

(Fin do cursiño)

0 comentarios