Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

PICADILLO A LA HABANERA

PICADILLO A LA HABANERA Con isto do cumio Iberoamericano, esta fin de semana estase a falar moito de Cuba e do criminal bloqueo ao que o pobo cubano esta sometido polo goberno norteamericano dende hai décadas.

Pois de tanto escoitar falar sobre a miña illa natal entráronme gañas dun bo prato de comida cubana. Na miña casa o que mais paixóns levanta, incluídos os amigos que proban, e o picadillo a la habanera, exquisito e sinxelo de amañar. A receita téñoa dado moitas veces nas miñas colaboracións na radio e sempre gustou, polo que animo aos lectores de Colineta a probar este prato sinxelo, fácil de facer, pero delicioso.

Para tres ou catro racións imos precisar medio quilo de carne picada, aproximadamente. Eu sempre merco metade de porco e metade de tenreira.

Comezamos picando unha cebola pequena, tres dentes de allo e un cuarto de pemento colorado. Poñemos estas hortalizas picadas nunha cazola con aceite de oliva e amañamos un sofrito. Cando cebola, allo e pemento vaian sofritos, agregamos a carne picada, con lume forte, e remexemos ata que a carne cambia de cor e queda ben desfeitiña, sen bolas.

Entón poñemos unha boa cantidade de ourego, algo menos de comiño en gran, unha folla de loureiro, unha bolsa de olivas con oso, media bolsa de uvas pasas sen sementes e unha ou dúas culleradas de alcaparras. Agregamos tamén un bote (375 gramos) de tomate natural triturado e o sal preciso. Remexese todo, tapase a cazola e deixase cocer unha hora, remexendo de cando en vez. Se vemos que seca mais da conta pódese botar un pouco de auga.

O picadillo comese mesturado con arroz branco. Pódese acompañar de tostóns de plátano ou de iuca fritida ou cocida, pero deses acompañamentos procurarei escribir maña.

© Miguel Vila Pernas

*face="Times New Roman">miguelcolor=#ff0000>(arroba)colineta.com

0 comentarios