¡QUE COMES DO TEU!
Inda sen sabelo, eles tiñan montada unha sociedade gastronómica cando en Galicia practicamente ninguén escoitara falar de tal cousa. Dende logo os nosos protagonistas non sabía nada de tales sociedades.
¡Come, que comes do teu! houbera sido o lema de tal sociedade, de existir conscientemente. E de feito tal lema era empregado con frecuencia, xa que a tal sociedade baseábase principalmente no engano entre os seus membros, engano coñecido, recoñecido e aceptado por todos os compoñentes do grupo, que se afanaban buscando dar cada día un paso máis creativo.
Andrés, un dos integrantes do grupo, levaba uns días tentando roubarlle unha xerra de viño ao xastre, que acababa de abillar unha barrica nova, pero que as sabía todas e non era doado de enganar. O fillo do xastre era outro dos integrantes da pandilla.
Coñecedores do interese de Andrés polo viño novo do xastre, o fillo deste, Tito, e Ovidio, outro da pandilla, amañaron o engano. Conseguiron unha xerra do desexado viño e sempre aseguraron que fora xentileza do seu propietario, pero tamén cabe no posible que fora roubado sen máis consideración.
Así que xa está o viño no Biscuter, taberna-ultramarinos da praza da vila. De seguido, Tito e Ovidio visitan o ultramarinos de Andrés onde, con bastante dificultade, convencen a Piruca, copropietaria do establecemento, de que lles dea unha lata de bonito que manda a pedir o seu home. Era unha desas latas que sempre chamamos dun quilo, por moito que non levara máis que oitocentos gramos de peixe e aceite.
O bonito foi para tamén ás mas de Victorina, propietaria do Biscuter e boa coñecedora das artimañas do grupo. Faltaba dar con Andrés e rematar o engano.
Como sempre, Andrés atopouse cos amigos á hora dos viños, non sei se antes da comida ou á noite.
- Andrés, conseguín que meu pai me dera unha xerra de viño e Ovidio puxo unha lata de bonito que tiña na casa, dixo Tito.
- Esta todo no Biscuter continuou Ovidio-, vamos para aló. A ti tocarache pagar o pan e o servizo, dixo referíndose a Andrés.
E aí temos ao trío (ao mellor eran catro, que Pepete non perdía ocasión de xuntarse cos nosos amigos) comendo bonito con cebola e pan e bebendo o viño novo.
¡Come, que comes do teu! lle dicían a Andrés quen, divertido, aseguraba que aquel bonito era da mesma marca que vendía el no seu ultramarinos mentres matinaba como ía devolver o engano.
3 comentarios
o fillo de "Arma Lios" -
acedre -
Marisa -