A REIXA
O pub A Reixa, en Santiago, está a cumprir dez anos. Isto significa que a taberna do mesmo nome, que anteriormente ocupaba o mesmo local, pechou as súas portas hai xa máis dunha década. ¡Como cambian os tempos, Venancio! cantou a miña admirada Vieja Trova Santiaguera.
A min gustábame ir tomar unhas cuncas á Reixa. Era unha tasca das de sempre, abondo cutre, con barra de madeira destartalada, grandes mesas cubertas dun ule amarelado polos moitos anos que levaba alí, e no fondo do local unhas barricas que había moitos anos que perderan a súa función orixinal, quedando relegadas a mero elemento decorativo para algúns e a un trasto inservible e molesto para os propietarios do negocio, que se non prescindían delas era porque custaba máis sacalas do local que o beneficio que ía reportar a súa ausencia.
Na Reixa non había necesidade de máis sitio, sobraba case todo o que había. Non sei se a miña memoria e o paso do tempo están a xogarme unha mala pasada, pero non lembro ter atopado alí ningún cliente alleo ao meu propio grupo.
Rexentaba a Reixa un matrimonio de certa idade, que pecharon a taberna coa chegada da xubilación. El, sempre detrás da barra, tiña no rostro as cores de quen seguramente nun tempo xamais rexeitou a convidada dun cliente, por moitos que foran os clientes que quixeran convidar. Cando eu coñecín a taberna xa non aceptaba invitacións, que tiña o viño prohibido por prescrición facultativa. Unha mostra máis da degradación do local, ao que aquel home pertencía por dereito propio.
Lánguido e como farto da vida que levaba, o home era exactamente todo o contrario da súa muller. La demostraba un afán excesivo por controlalo todo, incluído o seu marido, dende a mesa cuberta de ule amarelento que ocupaba no medio da taberna. Lémbroa sempre calcetando, soa ou en compaña dalgunha parenta, amiga ou veciña, coa que compartía as longas horas de taberna.
Certo día calcetaba unha bufanda co Compostela, cando o equipo de Santiago triunfaba na primeira división. Díxonos que era para o se neto, que en San Lázaro ía abondo frío. Tamén dixo que se elle levabamos a la calcetaría outras tres bufandas para os que aquel día fomos tomar as cuncas. De terlla levado hoxe gardaría un recordo tanxible da Reixa, a taberna emprazada Tras Salomé, en Santiago de Compostela, hai máis dunha década.
0 comentarios