Blogia
COLINETA. Gastronomía e literatura.

TÍVOCHE BEN, POR ZORRA

Historias de Gomerso, muiñeiro en Tras dos Ríos

- Tira para dentro. Non quero a ninguén na porta, que non deixas entrar a luz.- Aquela invitación a penetrar no mundo privado do muiñeiro, un muiñeiro que tiña sona de gardar con cara de poucos amigos a súa intimidade malia ser un home comunicativo e aberto en público, aquela invitación imprevista permitíame agardar calquera cousa do home.

O muiñeiro era home de dúas caras. O normal en el era amosarse afable e falangueiro, tanto cos que levaban o trigo a moer coma cos rapaces da zona que, sabedores do seu bo humor, pasabamos polo muíño sempre que podíamos para escoitar algún conto ou dar un paseo acabalo do burro que transportaba a fariña, cousa que unicamente sucedía cando o muiñeiro estaba de moi bo humor e con pouco traballo. Nesto dos burros tiña o home o costume de poñerlles sempre o nome dun cantante popular do seu gusto, xeralmente Manolo, así que un dos seus burros máis recordados foi chamado Manolo Escobar.

Outras veces, sen que poida eu explicar porque, o muiñeiro estaba de tan mal xenio que os rapaces dabamos un rodeo para non pasar por diante do muíño cando íamos bañarnos no Pozo das Moscas, que estaba río arriba do muíño. Neses casos eran os clientes, e máis aínda os veciños, os que pagaban o mal xenio do individuo.

Pero aquel día semellaba estar de bo xenio. “Tira para dentro. Non quero a ninguén na porta, que non deixas entrar a luz”, dixo, e eu pasei ao interior do muíño, onde poucas veces deixaba entrar aos nenos.

Aínda non acabara de entrar e o muiñeiro xa comezara a contar unha das súas historias, na que os protagonistas sempre eran coñecidos, ademais do propio muiñeiro, arredor do que sempre xiraban os contos.

A min gustábame especialmente cando contaba aquel tempo imaxinario en que aseguraba ter traballado nun circo.

“No circo eu traballei de domador de panteras; ben, máis ben eu era domador-paiaso, iso si, o meu era o mellor número do circo e a xente ía sobre todo para verme a min.

Cando a gaiola estaba montada na pista e a pantera dentro, saía eu, vestido cunha chaqueta, comendo un anaco de pan con queixo e con cara de despistado, como quen non se entera da cousa, entraba na gaiola. A pantera aquela estaba morta de fame, que unicamente comía despois do espectáculo para que o meu número saíra como debía, así que en canto me vía entrar botaba a andar cara a min para comerme. Eu reaccionaba de inmediato e tiráballe o pan que me quedaba, e a pantera collíao no ar e papábao dun bocado, seguindo camiño cara onde eu estaba. Entón tiráballe o queixo e doutro bocado acababa con el, achegándoseme cada vez máis. Eu facía que me asustaba (claro que non tiña ningún medo, que xa sabía como ía acabar o conto, pero debía de facerme o asustado para darlle emoción ao número e que a xente pensara que estaba en verdadeiro perigo de morte). E cando a pantera abría a boca para paparme, eu sacaba a chaqueta, envolvía nela o brazo dereito, metíallo pola boca, collía a punta do rabo, tiraba forte viraba a pantera, co de dentro para fóra. A xente non paraba de aplaudir nun bo cacho”.

Esta historia da pantera sempre que pareceu un guión de película de suspense, polo que me gustaba moito escoitala da propia voz do muiñeiro, que adornaba o conto con todo tipo de xesticulacións.

Pero ese día a cousa era diferente. “Agora que estamos solo vouche contar unha historia que é toda certa, dende o comezo ata o final” asegurou, co mesmo xesto serio que poñía cando contaba das súas andadas no circo.

“Cando era novo sempre me gustou túa mai, pero ela non me facía ningún caso, porque andaba colada por teu pai, que entón era o seu mozo. Pero un día tiven a miña oportunidade.

Foi un domingo pola tarde no salón de Tanín. Túa mai estaba bailando con teu pai e eu andaba por alí aguantando a envexa, cando vin que ao acabar unha peza el saía para ir mexar. Cando empezou a música da seguinte peza fun directo cara túa mai, collina pola cintura e empecei a bailar con ela, que tentou zafarse de min sen poder xa que a tiña ben agarrada. Co tira e dálle eu animeime máis da conta e as maus fóronseme da súa cintura cara o sul, momento no que túa mai me deu unha hostia que resoou en todo o salón de baile.

A xente volveu inmediatamente a vista cara nosoutros, momento no que soltei a túa mai e, con voz suficiente para que todos escoitaran, dixen: “tívoche ben, por zorra”.

0 comentarios