Blogia

COLINETA. Gastronomía e literatura.

VERDADES SOBRE A CERVEXA

Os galegos consumimos de media 38 litros de cervexa ao ano, fronte aos 79 litros anuais da media española (máis do dobre que en Galicia) ou os 89 litros por ano da zona sur de España.

Son datos publicados pola Asociación de Cerveceros Españoles que me dan a razón no que publicaba o pasado 22 de maio sobre unha enquisa na que se aseguraba que os galegos preferimos cervexa na hora do aperitivo, quedando o viño para o cuarto lugar, despois dos refrescos de cola e limón. + (Ver artigo do 22 de maio)

O conto é que esa enquisa faise por encargo dunha asociación de cervexeiros españois e publicase cada ano ao comezo do verán, sempre cos mesmos resultados. Semella que algunha asociación de fabricantes de cervexa está a empregar dito inquerito coma un elemento máis de marketing. Semella tamén que non lles importa mentir descaradamente se iso serve para vender máis cervexa.

A cervexa galega é das mellores de España. Penso que os seus fabricantes tamén son máis prudentes que algúns dos seus colegas españois.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

QUEIXUMES DOS PINOS

En QUEIXUMES DOS PINOS
Eduardo Pondal (1886)

Ouh, mozos, que camiñantes
por ese camiño ides,
vinde abrigarvos un pouco,
se é que mollados vindes.
Teño bo viño e rosquillas
de Cereo e Rececinde
teño unha perfia de a neto,
máis comprida non a viches;
tomá, probádemo un pouco,
e logo sen pagar ide.

- O viño é bo certamente,
mais mellor é quen o mide;
que é tan doce e tan garrida
coma as rosas de Frexilde.

OS BIRBIRICHOS E OS BIRBIRICHEIROS

Xoán Manuel Pintos
En A GAITA GALLEGA (1853)

Levantan os ollos muitos
para as estrelas do ceo,
non se fartan de mirare
as luces do firmamento,
quedando coa boca aberta
sin saber que fixo aquelo;
e tornando a vista ao chan
ja de todo se esquenceron
sin cuidar que cada herba
volve tolo ao máis discreto:
cantan a cousas do alto,
cantan a cousas de lexos,
cantan a cousas buxáns,
cantan a cousas sin prezo,
cantan a mil toleiradas
que ja non acordan tempo,
e cuidan que é faramalla
o que temos de nós preto.
Por eso me dou a gana
de abrochar nestes versos
cuns bichiños mui pequenos
que, pola area espargidos,
miran muitos con desprezo.
É de ver alá en Cambados,
enfrente á terra do Meco,
cando devala a marea
tanto chan que queda en seco,
que si fora terra a millo
había pan para o inferno,
pois naquel longo areal
que vai por junto a Castrelo
vense as gentes formigando
cando o mar vai baixo e quedo
que parecen as formigas
que saen dun formigueiro.
Non acode tanta nunca
por oír a un misioneiro
e si tanta se ajuntara
para as cousas doutro geito
non habría as caldeiradas
que decote se están vendo.
Alí pois naquel Sarrido,
cando a luna vai nacendo
ou como a roda dun carro
amostra o seu rostro cheo,
se ajuntan de muitas partes
homes, mulleres e nenos:
todos van esfarrapados,
non van ricos nin van cregos.
Alí van do Grove e Curro,
de Dorrón e Sobradelo,
e de Armenteira e de Nantes,
Santa Cristina e Loenzo,
van de Meis e de Baión,
Santo Tomé, San Lourenzo,
van de Bamio, van de Cea,
de Ouviña e de Tremoedo,
van os do Monte da Escusa,
e mais aínda de máis lexos,
van de Caldas e de Cuntis,
Vilagarcía e Sangenxo.
Cada un por súa banda,
en bandadas cal romeiros,
vense acodir ó areal
pola mañanciña cedo:
uns con panos ou con foles,
outros con cestas ou cestos.
Van agiña, corre, corre,
van buscar e van baldeiros.
Alí se ajunta un gentío
de lugares tan diversos
que tropezan uns con outros
e jamais se conoceron.
Comenzan a fochicare
cuns pausiños ou cos dedos
alí pola area adiante,
ou con ósos ou con ferros,
e sacan muitas manadas
de birbirichiños frescos:
van enchendo os seus gabidos
sin liortas e sin berros,
pois todos teñen alí
sin disputa igual direito.
Ninguén se azaña inda que vexa
que se colle máis ou menos,
nin dice naide “esto é meu”
mentres que n’o ten no cesto.
Hai fartura para todos,
inda que se ajunten mil centos.
E naquel chan tod’os probes
tornan ó estado primeiro.
Da colleita arrematada,
ajúntanse os compañeiros,
dinlle adiós ao areal
e dan gracias ao do ceo,
dicíndolle cada un
do máis íntimo peito
palabras mui acelmosas
así pouco máis ou menos:
”Bendito seas, Señor,
que sin traballo e sin tempo
na area decote botas
para os probes alimento.
Dásnolo ja dispostiño,
substancioso e criadeiro,
e para que non o furten
sirve ós ricos de veneno.
Bendito sea, Señor,
por sempre e resempre eterno.
Cada corazón dun probe
será sempre o voso tempro”.
E logo dinlle ás areas
así pouco máis ou menos:
”Adiós areas queridas,
da nosa fame remedio:
criade os birbirichiños
por millares de milleiros;
nós viremos cubizosos
inda que de longe a collelos,
que cando é mui negra a fame
o camiño non pón medo.
Virán os nosos filliños,
e tamén os nosos netos,
virán a pisar os probes
as areas de Castrelo”.
Nesto as gentes se cargan,
cada un co seu peso,
todas se poñen pingando,
mais van con semblante ledo.
Non faltan nas compañías
quen asopre algún punteiro,
algunha frauta ou ben chifre
ou algún outro estrumento,
as mulleres que, cantando
e castañolas mecendo,
se espotrican coas ferreñas,
repinican o pandeiro.
Comezan as alegrías
daquela seifa a desexo
e saen do areal
por un cento de carreiros.
Van por aqueles camiños
mil foliadas facendo,
paran cos birbirichiños
nunha congostra ou penedo,
nunha aldea, ben nun campo,
ben ó pé dalgún outeiro.
Alí botan mil cantigas
e rematan os seus versos
cunha chea de aturutos
que abouxan ó mesmo ceo.
Cantando todos a unha,
ja brincando e tamén quedos,
docemente van dicindo
ó son dos seus estrumentos:
”Alegrádevos miniñas,
mozos, rapaces e vellos,
que hoje cos birbirichiños
as saudades son menos.
Nunca se perda a memoria
das areas de Castrelo
e que alá vaian os probes
polo camiño direito:
deijaremos sinalado
que non vaian por rodeos
e destas cunchiñas brancas
queden os camiños cheos.
Nós, con este ben de Dios,
vivimos anos a centos,
criamos fillos a pote,
sans como buxos e cedro.
As comidas dos señores,
cheas de especies e cheiros
que se escachoan no lume,
que lles fagan bo proveito;
pois si viven regalados,
ben llelo paga o pelexo
e rúan á súa conta
boticarios, curandeiros.
Alegrádevos miniñas
mozos, rapaces e vellos,
que hoje cos birbirichiños
as saudades son menos”.
E logo aséntanse un pouco
por ver de tomar alento
e comenzan a escochare
os birbirichiñós frescos.
Relóucase de mirare
O bulir daqueles dedos
que, cun en cada man
e cruzándoos polos tetos,
tris... salta o cacho de arriba
o de abaixo queda cheo.
Desta maneira os escochan,
máis despois é ver comelos:
a cubiza con que sorben
o que os cachos teñen dentro,
como chuchan as cunchiñas
e dimpois lamben os dedos.
Si, por fertuna, hai dous cartos
para sacar uns dous netos
e leva algún na falchoca
un anaco dun cortezo
máis de millenta debullan,
sábenlle mellor que queixo.
Van tirando, pouco a pouco,
cada cal para o seu eido;
Recordando os seus filliños,
que xa estarán no quinteiro.
Inda a nai non pon o pé
por adentro do portelo,
ja chegan os seus miniños
”a min, a min berberecho”;
Cisca uns poucos pola eira,
os rapaces van collelos
de gatiñas, uns cos outros,
levantándose e caendo.
Dimpois tódolos da casa,
arredor do fol ou cesto,
non se afartan de gandire
os birbirichiños frescos.
¿Nos vistes algunha vez
polo vran un niño feito
cos paxariños deitados
todos en roda por dentro
como se estrican e chían
con sonidos mui pieiros
cando vén voando a nai
coa bicada no piteiro?
Pois así, co mesmo afán,
dando gritos, dando berros,
os fillos dos probes brincan
de alegría e de contento,
e saen en coiro afora
cando ven os pais de lexos
que traen os birbirichiños
das areas de Castrelo.
Agora os homes de chola,
sin forzar o entendimento,
sabrán por qué ós de Cambados
chaman os birbiricheiros.
Mais non me dirán a min,
e aposto o que non teño,
cómo dos birbirichiños
se repoñen os viveiros,
pois tantos e tantos sacan,
tan decote e tan arreo,
que si sacaran areas,
no’había areal en Castrelo.
Sólo o que leva por conta
as voltas do univeso,
o que de nada se olvida
e sempre está co ollo aberto,
podrá si quer explicalo
e darnos conocimento,
que os homes, por mui leídos...
desengañarse, é o vento.

RESTAURANTE PARA ANORÉXICOS

Montar un restaurante para anorexicos paréceme a min que e como poñer no cine películas mudas para cegos. Pero para todo hai xente e parece que hai medio ano botou a andar en Berlín o primeiro establecemento deste tipo existente no mundo.

Contan que lle queda pouco de vida, ante a escasa resposta dun publico que seguramente no ten ningún interese nesta especialidade hostaleira. Respecto do cine mudo para cegos non escoitei nada. Se algunha vez houbo un debeu pechar xa.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

A GAITA GALLEGA

A GAITA GALLEGA (1853)
Xoán Manuel Pintos

Foliada 5ª (fragmento)

Foi sempre noite para os probes sólo,
que pan mui negro sin area de sal
botan nun caldo ben escoado e grolo,
sudando o comen sin facerlles mal.

Inda que é muito, pensan as almas duras
que na miseria ceban a codicia,
sin medo a Dios ajuntan brancas suras
para mercar as penas da justicia.

¡Cantos na terra botan o seu millo
para pagar á espiga cada gran!
¡Cantos en coiro miran o seu fillo
que come a fame con prestado pan!

A GAITA GALLEGA -2

A GAITA GALLEGA (1853)
Xoán Manuel Pintos

Foliada 3ª (fragmento) (falan os cans da vila)

Comemos muitas comidas,
cheas de muitas misturas
e inda que temos calenturas
con gusto as pasamos nós.
Non temos que buscar herbas
porque médicos nos curan
e señores nos procuran
deitándonos en colchós.

As señoras, miñas joias,
nos miman, dannos de bicos
e nomes mui chichiricos
nos poñen elas tamén.
Durmimos no seu regazo,
por premio de lealtade
velando ó pé da mitade
cando o coime a velas vén.

Azucarillos, bizcoitos
nos dan do seu azafate
e sopas en chicolate
molladas pola mañán.
”Cupido, Cupido, toma”
nos din con gran donosura
e facémoslles misura
lambéndolles a branca man.

TUTTI FRUTTI

Coa chegada dos primeiros calores do verán chegan tamén á nosa paisaxe habitual os tenderetes de xeados e, o que ás veces resulta máis interesante, os carriños que ofrecen, preferentemente, os xeados de cucurucho artesanais, tal e como indican nos seu rótulos. Non sei como anda agora a cousa, pero hai algúns anos o código alimentario español prohibía expresamente a palabra “artesanal” ao rente de calquera xeado. Non pregunte os motivos de tal prohibición, que non coñezo, nin os que levan a uns a facer caso omiso da mesma e a outros, as autoridades sanitarias, a facer caso omiso do incumprimento dos primeiros.

Eu lembro vagamente na miña nenez un fabricante artesanal de xeados que residía no barrio de Triana, en Ferreira do Valadouro, e que vendía os seus xeado de cucurucho pola vila e nas festas, empurrando dun carro tan artesanal coma os propios xeados. Chegados a este punto, faremos un parénteses para explicar que non estou inventando ningún barrio novo para Ferreira, que alí Triana existe, o mesmo que tamén no Valadouro están A Castellana, Escurial, Zaragoza e outros lugares de toponimia cando menos curiosa.

O conto é que se os xeados de Triana son un leve recordo da miña máis tenra infancia, na miña cabeza están moi presentes os xeados de cucurucho que mercabamos na Barra, que miren por onde está na entrada a Triana segundo se sube dende a praza de Ferreira. A min os que máis que gustaban eran os de fresa, que sabían a fresa e ata levaban anacos de fresa polo medio. Penso que eran da marca Frigo, a que sempre tiveron na Barra. Ou outros xeados da infancia que lembro era os polos de chocolate que mercada en Os Lobos. Si, polos de chocolate, e tamén os había de vainilla, de menta e de fresa, xunto cos actualmente superviventes de limón e laranxa.

Aqueles polos de chocolate dos Lobos, que eran da marca Avidesa, ademais de saber moi ben a chocolate tiñan unha estraña xeometría que me chamaba especialmente a atención. Cando se partían ao través, descubríamos que o polo semellaba estar formado por dúas metades que se unían atrapando o pau no medio. Cada metade semellaba nacer do propio pau e irse conxelando progresivamente cara fora. Penso que eses polos foron o meu primeiro contacto coa xeometría do frío, que acada o insospeitado nesas imaxes microscópicas das felepas de neve.

Pero volvamos cos carriños dos xeados. Pechadas a Barra e Os Lobos, e residindo agora na zona de Compostela, os meus carros de xeados preferidos emprázanse agora nas inmediacións da praza do Toural, na porta Faxeira e na Alameda de Santiago.

Xa non levan os xeado de fresa con anacos de fresa que mercaba en ferreira na miña infancia, ou polo menos o que teñen agora non me sabe coma o de entón. Tamén pode ser que o de agora non saiba coma o recordo do de entón. Pero non me importa. Non me importa mentes sigan levando tutti frutti, que é coma o emperador dos xeados artesanais.

No verán, cando paso pola porta Faxeira e levo a boca limpa de sabores, sempre merco unha bola de tutti frutti, e mentres disfruto do mosaico que compoñen as froitas confeitadas sobre o branco da súa crema, soño coa infancia perdida. Soño lembranzas doutro século.

Artigo publicado en El Progreso

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

TOUCIÑO PARA RICOS

Recibo no buzón do correo o catálogo de produtos galegos do supermercado dunha grande superficie, no que se me anuncia que o mellor de Galicia desembarca alí. Chama, por certo, a atención que a portada estea escrita en galego, as 23 páxinas seguintes en castelán, excepto a información sobre as formas de pagamento da derradeira páxina, que volve estar en galego.

Pero o idioma non é a cuestión. O caso é que no apartado de charcutería ofrécennos “chicharrón gallego” que non é outra cousa que torrezmos de panceta cortada en tacos e non en liscos. Esa mesma preparación recibe tamén o nome de chicharrón en países tan lexanos como Cuba ou Colombia.

O caso é que tales chicharróns-torrezmos saen a 9,99 euros o quilogramo, que son catro céntimos máis que o prezo que no mesmo catálogo teñen as costeletas de tenreira, dous euros máis que os bistés de tenreira galega de primeira e case oito euros máis que a paleta de porco fresca. Chégalle ben aos torrezmos.

Claro que sempre haberá quen diga que estou a comparar un produto que pasou por unha manipulación industrial (os torrezmos) con outros que non son máis que carne fresca, así que imos cunha nova tanda de comparacións.

Se os torrezmos están a 9,99 o quilogramo, o lombo de porco adobado ou ao allo, está dous euros e pico máis barato. Os chourizos non superan os sete euros, o mesmo que a androlla e o butelo. O lacón enteiro anda por debaixo de cinco euros e partido e en anacos desalgados e listos para cociñar non chega aos oito, o mesmo prezo máximo que ten por quilogramo o xamón curado, sempre que se merque enteiro. Se o mercamos en porcións, sen óso nin pel, chegamos a 12 euros, so dous máis que o touciño frito. Todos son, coma os torrezmos, produtos transformados industrialmente.

Por certo que no mesmo catálogo atopamos boi de mar, ameixas, centolas, langostinos frescos ou cocidos, berberechos e gambas e cigalas arroceiras por debaixo dos devanditos 9,99 euros. A pescada fresca, o rape con cabeza, o polbo fresco, o bonito por pezas, por poñer algún exemplo, tampouco chegan a tal prezo.

Eu non sei se alguén entoleou o é que o mundo cambia a tal velocidade que a parte do porco que ata antonte era a menos prezada (o touciño) estase a converter no mellor do animal.

A ver se pasa co touciño o mesmo que sucedeu co bacallau ou as angulas, que de comida de pobres e abono de hortas chegaron a prezos insospeitados no primeiro caso e inalcanzables no segundo.

A este paso non imos poder comer máis que solomillo... ou millo solo.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

A GAITA GALLEGA

A GAITA GALLEGA (1853)
Xoán Manuel Pintos

Foliada 2ª (fragmento)

Traballa un home e se mata
por manter catrocentos,
e lle fan pagar ben caro
inda máis por ir mantelo.
Si vai á vila con ovos
o disgraciado labrego
fanlle pagar á chegada
os mesmos que han de comelos,
e si non ten os chaviños
dinlle que vaia a facelos,
de maneira que alí choven
cartos e chavos a eito.
Por toxos ou herba ou palla,
por vasoiras ou codesos,
por garabullos, cañotas,
por gestas, canas ou fentos,
por queiroas ou carrascos,
capós ou feixes pequenos
de leña ou sean billardos,
pois teñen nomes diversos,
por arjós, follato ou poma,
por estrume para o esterco,
por manteiga, por galiñas,
por fariña, por farelos,
ou relón ou ben salvado
por trigo, millo e centeo,
por castañas e verdura,
por patacas e pexegos,
por ameixas e por figos,
por bruños, mazás e peros,
por noces, allos, cebolas,
níxaros, piñas e nésperos,
por limóns ou por laranjas
do po e doces o mesmo,
por calacús e cabazas,
por tomates e pimentos,
por culleres, mazarocas,
por liño, estopa e tomentos,
por abanos e carozas,
e por landres para os cerdos...
Ja me canso. So lles falta
que lles tarifen o alento.
Inda máis si un leva o carro,
máis que nel leve un enfermo.
Fanlle pagar por pasar
¡si non llo cían un leño!
E por canado de viño
que corre a oito no tempo
fanlle pagar outros oito
ós labregos por direitos.
Inda ben no’está un tallón
con fabas, nabos ou grelos
ja ferven polo corral
os alarbes dos apremios.

OS CAPÓS

MANUEL MARÍA
(En Terra Cha, 1954)

¡Este par de capós
da bisbarra vilalbesa!
¡Nunca ollei outros tan bos
en toda a terra luguesa!.

Cébanse moi ben cebados.
Hai que matalos despois.
¡Cando se ven desplumados
teñen un peso de bois!

ORTIGAS NA MESA

Ovos revoltos con estrugas e gambas, tortilla garnida con estrugas, empanada de raxo e estrugas, poldro estufado ao viño tinto, bola de xeado de estrugas en tulipa de follado con raia de kiwi, bica de estrugas e vasiño doce de licor de estrugas. Non é un chiste nin a carta dun restaurante con cámara oculta, é o menú que comemos o domingo na I Exaltación Gastronómica da Ortiga, celebrado no Pazo de Vilamarín (Ourense) con asistencia de máis de 230 comensais, que deron boa conta dos manxares.

A estruga era unha novidade para case tódolos presentes. A carne de poldro para moitos deles. Malia todo, os pratos volveron á cociña practicamente baleiros, inda que houbo comentarios para tódolos gustos. Na mesa en que eu me atopaba eses comentarios foron máis sobre a carne de cabalo que sobre as estrugas, inda que un dos presentes renunciou ó xeado de ortigas, que para min foi do máis destacado dos pratos guisados con esta planta, ausente unicamente no prato de carne.

+ Torta de millo con paté

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com



Artigo publicado en El Progreso

PORCOS DA CEBA

MANUEL MARÍA
(En Terra Cha, 1954)

Eran ranchos de boa lei.
Foron medrando, medrando.
¡Moito me escravicei
pra os poder ir ceibando!

Agora xa están cebados.
Hai que pensar en matar
porque xa van rematados
os nabos pra os engrosar.

¡Teremos mañá os roxós
e haberá festa na casa!
¡Hai que cortar os xamós
e ir roxando na grasa!

FRANCISKANER CON SORBETE DE LIMÓN

No supermercado unha muller pedía cervexa Franciskaner, que non atopaba por ningures. O empregado que lla proporcionou asegurou que estaba moi boa ben fría.

A muller, que polo visto vivira en Alemaña, dixo que o mellor era servila con xeado de limón. Segundo ela o mellor é o sorbete. Haberá que probalo.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

OS NABOS

MANUEL MARÍA
(En Terra Cha, 1954)

Arden as costas coa fogaxe
pra sementalos.
As maos degrezan coa friaxe
pra apañalos.
Este os nabos son
folla verde, finos grelos;
os carolos no terrón
azúes, brancos, marelos.

Mantense a xente con grelos,
coas follas críase o gando.
Os carolos -¡hai que velos!-
os porcos que están criando.

O PICADILLO

O PICADILLO

La Cocina Práctica, o libro de cociña máis popular de cantos se publicaron en Galicia, máis coñecido polo alcume do su autor Picadillo, cumpre en 2005 un século de vida, xa que a primeira edición saíu ao mercado en 1905. Malia súa idade, continúa a ser unha referencia obrigada, anque sempre é preciso facer unha lectura crítica da obra, que cun século ás súas costas resulta absolutamente actual nalgúns aspectos e noutros xa non é máis ca un documento que nos amosa algúns dos costumes culinarios da Galicia de comezos do século XX, centrándose fundamental na cociña das clases máis podentes económicamente.

A ilustración amosa o anuncio insertado en La Voz de Mondoñedo o 13 de marzo de 1916, cando o libro tiña xa 11 anos de vida. Entón podía mercarse na imprenta de H. Mancebo, que segue actualmente segue a traballar na vila episcopal.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

PAN

MANUEL MARÍA
(En Terra Cha, 1954)

O pan centeo é un tesouro:
semella a terra que o deu.
¡É como a terra de mouro
porque na terra naceu...!

FESTAS GASTRONÓMICAS

Chega o verán e Galicia enteira arde en festas, inda que dun tempo a esta parte as cousas van cambiando. Das antigas romarías, que enchían de merendas o campo da festa no día do patrón, pouco queda. Ao Santiago de Lagoa, en Alfoz, ían dende Ferreira andando e cargando coa cesta da merenda, coas súas empanadas, pastelón de pichón para as casas de máis economías, cocidos, requesón, colinetas da Pisona, brazos de xitano. No campo da festa buscábase a sombra e un rego de auga para refrescar o viño.

De todo aquelo xa vai quedando pouco. Se cadra, o Naseiro, que non perde un chisco da súa forza e o Bispo Santo, en Foz, que cada ano gaña máis. Son dous casos peculiares. A primeira naceu como a primeira romaría laica galega e como unha das primeiras festas gastronómicas galegas que, curiosamente non se dedica a un produto en concreto, senón ao “bo comer”. Na segunda, inda que de caracter relixioso no seu orixe, é cada día máis outra das miles de festas gastronómicas que se celebran en Galicia, e como no caso do Naseiro, tampouco se dedica a un produto en concreto, senón a todo aquelo que os romeiros queiran homenaxear.

Nos dous casos, cada un come o que leva da casa ou amaña no mesmo lugar, así que o normal é que todos coman ben. Non pasa o mesmo nas habituais festas gastronómicas organizadas para dar máis ou menos pulo aos produtos propios dunha zona, á zona mesma ou ata a diversos personaxes locais. Resulta común que en ditas festas se coma máis mal que ben: o importante é a cantidade de festeiros que se xuntan en cada edición. E para os participantes semella que o importante é comer moito por pouco diñeiro, sen importar moito a calidade. Así que comemos empanadas que en calquera restaurante rexeitaríamos, polbo duro coma o demo, churrasco queimado por fóra e cru por dentro... e bebemos viños de ínfima calidade, eso si, de balde. Hai xa incluso festas organizadas por profesionais, que preparan a comida en grandes instalacións industriais (ata en fábricas conserveiras) e no campo da festa o único que fan é quentar e servir.

Claro que pode que o máis importante da festa non sexa comer ben, senón comer e atoparse cos amigos e coñecidos e correr unha farra canto máis grande mellor. Para eso moitos dos eventos que teñen lugar ao longo de Galicia no verán son insustituibles.

Claro que tamén hai excepcións, e moi notables. Lembro a primeira festa do percebe en Corme, Ponteceso, a comezos dos 90. Os tres primeiros pratos de percebes con cachelos que se serviron aquel día pasaron polas miñas mans (era o primeiro da cola, non houbo prebenda ningunha) e resultaron excelentes. Claro que eran os mesmos percebeiros os que se encargaron de mimar o produto. Algo semellante me sucedeu o ano pasado en Burela, onde fun pregoeiro da festa do bonito. Puiden comprobar persoalmente o esmero e cariño con que alí se trata o produto, e os excelentes resultados que se obteñen.

Outra festa que visitei o verán pasado foi o mercado medieval de Alfoz, e a posterior cea. Non hai mellor sitio en toda a comarca para un mercado medieval, ao pe do castelo do Castro e vixiados na distancia polas penas da Frouseira, onde estivo a fortaleza de Pardo de Cela, xamais vencida.

Sorprendeume unha festa organizada por un grupo de rapaces e sen apoio de ningún tipo, que conseguiron xuntar ao pe do castelo un gran número de festeiros dispostos a dar boa conta da cea. No menú unha empanada pasable, un churrasco discutible e un lacón asado certamente salientable. Postos a pedir, eu eliminaría a empanada e o churrasco. E xa que a festa vai de estilo medieval, asaría un xato enteiro, no mesmo campo da festa. Polo día sería un máis dos espectáculos que se poden contemplar no Castro. Pola noite, unha alegría para o noso padal. E non pido nada que non se fixera antes. Lembro hai anos o becerro que asaron na parroquia do lado, San Pedro, non lembro se con motivo da festa do patrón ou pola dos choferes. Non me convidaron a probar a carne, pero o espectáculo pagaba a pena.

E para rematar anunciar unha nova festa gastronómica no calendario. Terá lugar o 17 de xullo en Vilamarín (Ourense). O produto a exaltar serán as ortigas, que xa se comían na idade media, según indica o Marqués de Villena no seu libro “Arte Cisoria”.

Artigo publicado en El Progreso

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

TRIGO

MANUEL MARÍA
(En Terra Cha, 1954)

Este é o trigo candeal:
dereito, lanzal.
É como o ouro: douradiño.
¡Que ledicia terá o muíño
ó muiñar!
Haino que amasar,
tendelo
e cocelo.
Despois de o enfornar,
¡Deus, a este pan, ha de baixar!

CHOURIZOS EN MIAMI E GRELOS EN NOYA IORQUE

A administración norteamericana acaba de abrir as portas aos produtos españois procedentes do porcino, o que permitirá a exportación de xamóns, chourizos e outras marabillas dos nosos porcos cara Estados Unidos. O prezo que acaden alí é outra cousa, xa que practicamente calquera alimento español en Estados Unidos véndese a prezos por veces desorbitados.

Mercado hai. Inda que a inmensa maioría dos seus habitantes se someta a unha alimentación moi desordenada e de mala calidade no aspecto dietético, non é menos certo que nunha boa parte da sociedade norteamericana existe interese en mellorar a súa alimentación, cousa que moitas veces fan mirando a Europa (aceite de oliva, viños, conservas...) e sen preocuparlles moito o prezo.

Alí ninguén consume viño en tódalas comidas nin cociña a diario con aceite de oliva. Pero unha botella de viño nunha ocasión especial nunca faltará, como non vai faltar o aceite de oliva para amañar a ensalada desa mesma ocasión, sexa cal sexa o prezo. O prezo e o interese polo aceite, por exemplo, leva a que se comercialice aceite de oliva en pulverizador, de maneira que se poida amañar a ensalada coa menor cantidade posible de aceite.
Cos xamóns e embutidos seguramente pasará o mesmo, porque aos norteamericanos da cociña española o que máis lles gusta é a tortilla, seguida de paella, chourizos, xamón, etc.

Claro que o chourizo galego non vai ser novidade no xigante da América do Norte. Na primeira visita a Miami, en 1996, mirei con detalle os andeis do supermercado que me quedaba máis preto: Sedanos. Era un establecemento comprable con calquera Froiz ou Gadys galego. Entre os viños atopei albariño das Rías Baixas. Entre as conservas dúas marcas de caldo galego en lata, fabricado no propio país. Entre as carnes frescas, lacón, unto e chourizos. O lacón estaba envasado ao baleiro, sen marcas comerciais e rotulado en español (lacón) e inglés. O unto estaba cortado en toros e envasado ao baleiro. Tampouco tiña marcas e o rotulo falaba inglés e castelán con falta de ortografía (hunto).

Máis adiante din con chourizos, tamén envasados ao baleiro. Paréceme lembrar que foran fabricados en Chicago e que a súa marca comercial era “La galleguita”. Algún tempo despois, a través dunha reportaxe na televisión galega, souben que a fábrica era propiedade dun galego.

Algún tempo despois, en outubro de 2000, comín grelos en Manhattan. Foi en Wall Street, enfronte mesmo da Bolsa de Nova York, nun deses autoservizos onde compran a súa comida os executivos da zona. Había comida norteamericana, mexicana e chinesa. E había grelos, cocidos. Despois de comer marchamos a pe cara as Torres Xemeas. Ao pe mesmo da torre sur había uns postos de froitos e verduras na rúa, unha especie de mercadiño. Achegueime a curiosear o que se vendía alí e o primeiro que atopei foron grelos fresco. A un dólar o présa.

Parece que os galegos de Nuarca (Newark), ao outro lado do Hudson, andaban pola zona.

© Miguel Vila Pernas

*miguel(arroba)colineta.com

TRABALLOS DE TODO O ANO

MANUEL MARÍA
(En Terra Cha, 1954)

A esfenda e a demouca é en Febreiro.
Bótanse as patacas en Marzo raioleiro
e seméntase tamén trigo marceiro.

Bótase o millo da xente por Abril
cando o cuco saíu do seu cubil,
e Maio longo estará sachado il.

Polos días grandes do San Xoan
cóllese a nabiña, o lume novo fan;
mércanse as fouciñas para segar o pan.

No mes da Sega o sol pica moi duro,
ó segar o pan, o trigo está maduro;
mes de moito traballar e moito apuro.

Estamos no Agosto: a malla e a gadaña
que quere pouca forza e moita maña;
hai que botar os nabos, se barbaña.

O de Setembro é o mes de San Miguel:
apaña patacas, non hai mes como el;
é tempo de ver se os trobos teñen mel.

No Outono hai que ir ó San Froilán:
mozos, homes, vellos, nenos, todos van
e voltan de presa para outonar o pan.

No San Martiño ollo porcos cebados,
os magostos, os capós arrombados
e abrir regos en lameiros e prados.

O tempo de Nadal é frío e ventureiro.
Noiteboa. ¡Se hai leña no unlleiro
chegarán os Reises a entrada de Xaneiro!