QUEIXOS DE ARZÚA

Doutra banda, una importante oferta de queixos caseiros, nos que se podía atopar dende queixo fresco, seguramente do día anterior, ata queixos máis ou menos madurados e os prestixiosos queixos de nabiza de un ano, curados, duros, e exquisitos. Os produtores caseiros ofertaban dende queixos curados tan diminutos que non teñen máis aló de dous ou tres bocados, ata grandes queixos de tetilla de moi pouca curación e que podían superar os dous quilogramos de peso.
Entre as queixerías artesanais destacaba a que presentaba queixos curados da propia Arzúa. Trátase de pezas de varios quilogramos, que se vendían ó corte. Un queixo notable, de pasta dura pero non seca, como pasa en ocasións coas pezas moi curadas. De sabor forte pero non excesivo, lixeiramente picante. Casaba á perfección co mencía da Ribeira Sacra que nos ofreceron para acompañalo.
Volvín de Arzúa cun queixo caseiro fresco, que é a lambetada preferida pola miña dona, e outro xa maduro, pura manteiga. Na parte das queixerías artesanais mercamos un anaco do curado a que xa fixen referencia e un San Simón da queixería máis premiada da denominación de orixe, que xa recibiu varios premios nacionais ó mellor queixo artesán de España.
Tamén probamos o queixo de nabiza curado, caseiro, que estaba excelente.
Dende logo, resulta unha feira recomendable para tódolos afeccionados ó queixo galego. Descubrirán que os queixos de tetilla que se comercializan baixo a denominación de orixe non son o máis destacado da zona de Arzúa e arredores.
© Miguel Vila Pernas
0 comentarios