SALMÓN DELICIOSO E PARA QUEDAR BEN
Continúo a non entender a tolemia colectiva do remate do ano, que leva a España enteira a tirar o diñeiro de maneira asombrosa en comidas e ceas pantagruélicas nas que dificilmente apreciamos o que comemos, anque o paguemos a prezos exorbitados.
Mira un os prezos dos mariscos, do peixe, das carnes no mes de decembro e quítanselle as gañas de comer esas cousas que, polo visto, estamos obrigados a comer no Nadal.
Este ano na miña casa, primeiro, e despois na dos meus pais, triunfou unha receita de salmón exquisita e moi apropiada para unhas datas nas que hai quedar ben na mesa. E por derriba baratísimas.
Prepareina na miña casa o 25 de decembro e, rematando de comer, pedíronme que repetira o prato ó día seguinte, cousa que fixen. Volvín preparala na casa dos meus pais, en Ferreira do Valadouro, o día 31 e de novo todos os comensais gabaron o prato, así que aí vai a receita:
Para cada comensal imos necesitar 40-50 gramos de salmón afumado e outro tanto de salmón cru, que deberá ser moi fresco e preferentemente do lombo. Tamén necesitamos media ducia de alcaparras, unha cullerada pequena de cebola ben picadiña, aceite de oliva e vinagre de Xerez (non de Módena, nin doutro tipo, de Xerez).
Dúas ou tres horas antes da comida, limpamos o salmón cru, quitándolle a pel, as espiñas e calquera outro desperdicio. Cortase en dados de aproximadamente un centímetro e mesturase coas alcaparras, a cebola picadiña e unha cullerada de vinagre de Xerez. Deixamos repousar na neveira ata un momento antes da comida, en que montamos o prato.
Imos necesitar un molde, que ben pode ser unha copa de champaña das antigas, anchas e baixas, esas que din foron moldeadas nun peito de madame Pompadour... ou algo así. Forramos o interior da copa de papel de aluminio ou plástico de cociña e por dentro deste poñemos o salmón afumado cubrindo as paredes da copa. Dentro botase o salmón fresco marinado coas alcaparras e cebola. Se sobra algo de salmón afumado cóbrese o fondo da copa e dáselle volta derriba dun prato, retirando o plástico e botando unha culleradiña de vinagreta feita remexendo aceite de oliva virxe e vinagre de xerez.
O prato pódese adornar cunhas follas de leituga, espinacas, etc. Se proban e non lles gusta, fáganmo saber.
0 comentarios